Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda resalta que 10.000 galegos cada ano pagarán menos impostos ao comprar a súa vivenda habitual

O conselleiro de Facenda resalta que 10.000 galegos cada ano pagarán menos impostos ao comprar a súa vivenda habitual

  • Valeriano Martínez explicou o alcance da rebaixa fiscal que acaba de aprobar o Goberno galego na adquisición de vivenda usada para uso habitual
  • Esta medida está incluída nos Orzamentos de 2019 e entrará en vigor o 1 de xaneiro
  • Galicia será unha das comunidades autónomas con menor tributación neste eido

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2018.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou hoxe que uns 10.000 galegos ao ano pagarán menos impostos ao comprar unha vivenda usada para uso habitual, grazas á rebaixa fiscal que vén de aprobar o Goberno galego co obxectivo de que entre en vigor o vindeiro 1 de xaneiro.

Nunha entrevista na Cadena SER, o titular de Facenda destacou que esta medida forma parte do paquete de catro rebaixas fiscais incluídas pola Xunta nos Orzamentos para o ano 2019, e que ten como obxectivo facilitar ás familias e fogares galegos o acceso a unha vivenda. Para iso, a Xunta baixará do 8% ao 7% o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais na adquisición dunha vivenda usada para uso habitual, unha rebaixa que será máis forte (do 4% ao 3%) para tres colectivos específicos: familias numerosas, persoas con discapacidade e persoas menores de 36 anos.

Neste sentido, o conselleiro recalcou o importante impacto que están a ter as rebaixas de impostos aprobadas polo Goberno galego nos últimos anos. Por exemplo, resaltou que desde o ano 2016 máis de 239.000 galegos recibiron unha herdanza e non pagaron nin un euro do Imposto sobre Sucesións, motivo polo cal a Xunta ampliará esta rebaixa en 2019 ás herdanzas entre irmáns, de forma que o 60% das herdanzas deste tipo xa quedarán libres de tributación en Galicia, e o 40% restante pagarán menos.

Con esta rebaixa Galicia pasará a ser unha das comunidades autónomas con menor tributación nestes eidos, incidindo así na importancia de que a recuperación económica continúe chegando a todos os fogares. Ademais, Galicia tamén potenciará en 2019 as bonificacións fiscais para a innovación e igualará a tarifa do Imposto sobre Patrimonio á tarifa estatal, revertendo a suba aprobada en 2013 en plena recesión económica.

Impostos Cero no rural
Valeriano Martínez tamén aludiu ao programa de Impostos Cero no rural, unha iniciativa pioneira en España para reducir a tributación nos concellos con maior presenza de actividades agrarias ou gandeiras e con menos poboación, favorecendo así a fixación de poboación e o desenvolvemento deste tipo de actividades produtivas.

Desde a súa posta en marcha, o programa de Impostos Cero no rural beneficiou máis de 39.000 galegos, que non pagaron impostos á Xunta por operacións como a adquisición de terreos rústicos ou de explotacións agrarias.