Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda resalta que Galicia é un referente europeo en compra pública de innovación

O conselleiro de Facenda resalta que Galicia é un referente europeo en compra pública de innovación

  • Valeriano Martínez inaugurou hoxe en Santiago o I Foro Iberoamericano de CPI, que reúne máis de 20 expertos neste eido de oito países distintos
  • Este foro ten como obxectivo impulsar que a compra pública innovadora sexa unha ferramenta estratéxica e transformadora
  • Galicia é pioneira en Compra Pública de Innovación (CPI) e a Xunta está a executar no período 2014-2020 fondos por 100 millóns de euros
  • O gasto per cápita da Administración galega en I+D+i en 2019 chegará aos 65 euros, un 27% máis que antes da crise

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2018.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou hoxe que Galicia é un referente europeo en Compra Pública de Innovación (CPI), a través da cal os órganos de contratación dirixen un diálogo cos candidatos para que estes poidan mellorar a súas ofertas e desenvolver así unha solución susceptible de satisfacer as necesidades dos distintos órganos da Administración.

O titular de Facenda inaugurou hoxe en Santiago o I Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta, un evento que reúne máis de 20 expertos de oito países distintos e que busca impulsar que a compra pública de innovación sexa unha ferramenta estratéxica e innovadora, convertendo a Galicia no epicentro do intercambio de coñecemento entre España e América nesta materia, así como permitir que as empresas innovadoras poidan achegar a súa xestión a clientes públicos a nivel internacional.

Na inauguración deste foro, impulsado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia coa colaboración do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) e a Rede Interamericana de Compras Gobernamentais (RICG), Valeriano Martínez destacou o "papel pioneiro" de Galicia no eido da Compra Pública Innovadora en toda España. Proba disto é que Galicia no período 2007-2013 aglutinou o 40% do investimento total en proxectos de CPI en España, con proxectos como Hospital2050, InnovaSaúde ou SmartCity.

O conselleiro tamén incidiu en que a Xunta de Galicia está a executar no período 2014-2020 fondos por 100 millóns de euros, e puxo como exemplo da implicación da Administración galega nesta materia o Polo Aeroespacial de Galicia, situado en Rozas (Lugo), que recibiu o Premio Nacional de Innovación en 2016 e foi destacado como caso de éxito no Plan Estratéxico para o desenvolvemento do sector civil dos drons en España 2018-2021.

En canto ás novas actuacións, Martínez lembrou que a segunda convocatoria de propostas de compra pública innovadora lanzada en 2017 xa recibiu propostas sobre tecnoloxía 4.0 aplicadas á saúde, á ciberseguridade, á xestión intelixente do territorio ou a valoración de recursos autóctonos. Ao mesmo tempo, sinalou que o gasto per cápita da Administración galega en I+D+i o vindeiro ano chegará aos 65 euros, un 27% máis que antes da crise.

Expertos
No foro inaugurado hoxe está prevista a participación de expertos como Philippe Le Quement, project officer da Dirección Xeral de Crecemento da Comisión Europea; Teresa Riesgo, directora xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; Javier Dávila, líder da división de Compras Públicas do BID; Gustavo Crespi, líder da división de innovación do BID; Diego Pastorín e Juan David Duque, directores das Axencias de compras de Uruguay e Colombia respectivamente; e Elkin Echeverri, director de Prospectiva e Plan de CTI de Ruta N (Colombia), entre outros expertos nesta materia.

A organización deste foro enmárcase dentro do programa Innpulsa CPI Galicia da Axencia Galega de Innovación (Gain), da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que busca o desenvolvemento e a promoción da CPI en Galicia, co obxectivo de facilitar o cambio de cultura e promover a I+D+i. Este programa conta con tres prioridades: dar a coñecer a CPI entre o sector privado, especialmente nas pemes; prestar servizos públicos de maior calidade aos cidadáns; e formar ao persoal das  administracións nesta materia.