Volver ao contido

Notas de prensa

O IGE cuantifica por primeira vez a carga de poboación estacional que soportan os concellos galegos

O IGE cuantifica por primeira vez a carga de poboación estacional que soportan os concellos galegos

  • Esta operación permite medir a variación da poboación nos municipios por factores como o turismo, o traballo ou os estudos entre outros
  • Entre os concellos con máis carga poboacional están as sete grandes cidades xunto con Sanxenxo, O Porriño e San Cibrao da Viñas
  • No terceiro trimestre o saldo de poboación medra nos concellos costeiros como O Grove, Nigrán, Baiona ou Foz

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018.- O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar por primeira vez a carga de poboación estacional dos concellos de Galicia no período 2011-2016, co obxectivo de cuantificar a poboación que soportan os municipios galegos en cada trimestre do ano.

A carga de poboación estacional representa a media trimestral de persoas equivalentes a tempo completo que soporta un concello. Obtense sumando á poboación residente a poboación de entrada –non residentes presentes- e restando a poboación de saída ou residentes ausentes. Así, o saldo poboacional entre os non residentes que entran e os residentes que saen mide a diferenza entre a poboación presente e a residente.

Esta estimación aproveita as fontes estatísticas que xa existen sobre a poboación residente e as persoas que se desprazan por motivos relacionados co turismo, estancias en segundas vivendas, estudos, traballo ou mesmo problemas de saúde.

Existe un comportamento diferenciado da poboación entre o primeiro, o segundo e o cuarto trimestre do ano con respecto ao terceiro trimestre durante todo o período 2011-2016 debido principalmente á temporada estival.

Así, no ano 2016 no primeiro, segundo e cuarto trimestre, os concellos con maiores saldos poboacionais eran as sete grandes cidades xunto cos concellos de Sanxenxo, O Porriño e San Cibrao da Viñas. En cambio, no terceiro, os concellos de Ferrol, Lugo, O Porriño e San Cibrao da Viñas xa non se atopaban entre os dez que teñen un maior saldo, e son substituídos polos concellos costeiros do Grove, Nigrán, Baiona e Foz.

Pola contra, os municipios co saldo poboacional máis negativo no primeiro, segundo e no cuarto trimestre foron concellos situados nas área urbanas como Ames, Oleiros, Cambre, Narón, Teo, Culleredo, Redondela ou Barbadás. En canto ao terceiro trimestre, a intensidade do saldo poboacional negativo destes concellos redúcese. Ademais, mentres no primeiro, segundo e cuarto trimestre de 2016 a maioría dos concellos tiñan un saldo negativo, no terceiro esta situación muda pasando a ter saldo positivo.

Os datos están dispoñibles no seguinte enlace:

https://www.ige.eu/estatico/estatRM.jsp?c=0201001008&ruta=html/gl/OperacionsEstruturais/Resumo_resultados_Carga_poboacion.html