Volver ao contido

Notas de prensa

O novo Plan Estratéxico de Galicia prevé acadar en 2030 a converxencia plena con España en renda per cápita dos fogares e reducir a taxa de paro ao 8%

O novo Plan Estratéxico de Galicia prevé acadar en 2030 a converxencia plena con España en renda per cápita dos fogares e reducir a taxa de paro ao 8%

  • A Xunta prevé un crecemento medio do PIB de entre o 2% e o 2,5% anual, por riba da media de España
  • O Plan Estratéxico 2021-2030 estruturarase entorno a cinco eixes, 20 prioridades, e 70 obxectivos estratéxicos con 140 indicadores de resultado
  • Os cinco eixes do novo Plan serán o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial, e gobernanza
  • Ademais terá o obxectivo de acadar 10 metas no ano 2030 entre as que destacan a de reforzar a saúde e calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, potenciar o peso do sector industrial ou favorecer unha Galicia dixital e innovadora
  • A Xunta celebrará unha terceira rolda de mesas de expertos e representantes da sociedade civil para seguir debatendo as prioridades e os obxectivos da Galicia de 2030

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021.- O novo Plan Estratéxico 2021-2030 prevé que Galicia acade en 2030 a converxencia plena con España en termos de renda per cápita dos fogares e que reduza a taxa de paro ao 8%, segundo se desprende do informe presentado hoxe no Consello da Xunta polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. Ademais, prevé un crecemento medio do PIB de entre o 2% e o 2,5% anual, por riba da media de España.
O Plan terá como prioridades acadar unha recuperación sostible, resistente e inclusiva; deseñar a Galicia do futuro poñendo no centro o reto demográfico; acadar unha Galicia máis sostible e climaticamente neutra; promover unha sociedade innovadora, moderna, competitiva, solidaria e cohesionada; favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento; e garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno galego a medio prazo.
Así, o Plan Estratéxico 2021-2030 contará con cinco eixes, 20 prioridades de actuación, e 70 obxectivos estratéxicos con 140 indicadores de resultado e será coherente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e cos obxectivos políticos e específicos dos Programas Operativos 2021-2027. Os cinco eixes estratéxicos do Plan serán reto demográfico (eixe 1); Galicia verde e sostible (eixe 2); competitividade e crecemento (eixe 3); cohesión social e territorial (eixe 4); e gobernanza (eixe 5).
Metas
O Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 terá o obxectivo de acadar 10 grandes metas no ano 2030: converxencia, máis e mellor emprego, reforzar a saúde e calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, avanzar cara a neutralidade climática, aumentar o peso das enerxías renovables, potenciar o peso do sector industrial e mellorar a competitividade, favorecer unha Galicia dixital e innovadora, continuar reducindo o risco de exclusión social e garantir unha Galicia sen fendas de xénero.
En canto á converxencia en renda bruta, en 2030 Galicia acadará a converxencia plena con España en termos de renda per cápita dos fogares. No emprego, o obxectivo é aumentar un 10% a taxa de ocupación da poboación entre 20 e 64 anos, reducir en catro puntos a taxa de paro ata o 8% e diminuír á metade a taxa de paro xuvenil.
Na meta de saúde e calidade de vida, a Xunta proponse que o 100% das persoas beneficiarias do sistema de dependencia reciban unha prestación efectiva. En canto ao sistema educativo, Galicia busca reducir outros cinco puntos a taxa de abandono temperán ata o 7%, mellorando o rendemento educativo do alumnado medido por PISA; acadar un 45% da poboación de 25 a 64 anos con educación superior; e obter unha taxa de cobertura escolar de 0 a 3 anos con prazas públicas do 60%.
Ademais, o obxectivo do Goberno galego é avanzar cara unha Galicia climaticamente neutra reducindo as emisións efecto invernadoiro ata o 55% respecto a 1990, que equivale a unha diminución do 64% en relación a 2005. Tamén debe aumentar o peso das enerxías renovables no mix produtor incrementando ata o 58% a porcentaxe de enerxías renovables no consumo final da enerxía.
Así mesmo, nesta década continuarase aumentando o peso do sector industrial e mellorando a competitividade para o que se fixan as metas de incrementar o valor das exportacións ata o 45% do PIB, 10 puntos  máis que na actualidade, e ampliar o tamaño das empresas en máis dun 25%. Por outro lado, a Xunta quere favorecer unha Galicia dixital e innovadora e para impulsar este obxectivo incluirase duplicar o gasto en I+D ata situarse próximo ao 2% do PIB; incrementar nun 25% o número de empresas innovadoras; ou que o 90% da poboación adulta conte con competencias dixitais básicas.
Finalmente, a meta de redución do risco de exclusión social incluirá o obxectivo de diminuír a taxa de risco de pobreza e exclusión social ata o 14%; e a meta de lograr unha Galicia sen fendas de xénero recollerá unha equiparación das taxas de ocupación femininas e masculinas.
Proceso de participación
Os traballos para deseñar o Plan Estratéxico 2021-2030 comezaron no ano 2019 coa celebración de dúas roldas de mesas de traballo con expertos e coa apertura do proceso de participación pública para todos os cidadáns. Este proceso viuse afectado pola aparición da pandemia que obrigou a adaptar a folla de ruta estratéxica a unha situación non vivida nun século.
Agora, a Xunta celebrará unha terceira rolda de mesas de expertos e representantes da sociedade civil para seguir debatendo as prioridades e os obxectivos da Galicia de 2030. Unha vez aprobado o Plan remitirase ao Parlamento para que os grupos parlamentarios poidan facer as súas achegas.