Volver ao contido

Notas de prensa

O sector do transporte e a loxística xera 49.300 empregos e supón o 3,9% do PIB galego, segundo o último estudo do IGE

O sector do transporte e a loxística xera 49.300 empregos e supón o 3,9% do PIB galego, segundo o último estudo do IGE

  • O Instituto Galego de Estatística publica unha análise sobre esta actividade
  • O 98% das empresas que operan neste sector teñen a súa sede social en Galicia
  • A maior parte da actividade céntrase no transporte terrestre e nas actividades anexas ao transporte, pero tamén hai 602 empresas de actividades postais e 59 de transporte marítimo e aéreo  
  • Este informe forma parte da serie iniciada en 2013 coa cadea forestal-madeira, e que continuou coa automoción, a pesca e o sector cultural

Santiago, 17 de marzo de 2017.- O sector do transporte e a loxística xera 49.304 postos de traballo en Galicia e representa o 3,9% do Produto Interior Bruto (PIB) da Comunidade Autónoma, segundo reflicte un estudo sobre esta actividade realizado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e publicado hoxe.

En concreto, neste sector participan 11.873 empresas que operan no territorio galego. A meirande parte delas son empresas cun número de traballadores inferior a dez, e outras 71 dispoñen de 50 ou máis empregados. Ademais, é un sector no que a maioría das empresas teñen a súa sede social en Galicia, o 98% segundo esta análise.
 
O informe aborda as catro ramas que conforman este sector: o transporte terrestre, no que operan 10.206 empresas; as actividades anexas ao transporte, con 1.006 empresas; as actividades postais e de correo, con 602; e o transporte marítimo e aéreo, no que operan 59 empresas no territorio galego.

En global, o sector do transporte e a loxística xera un valor engadido bruto de 2.126 millóns de euros, segundo os últimos datos dispoñibles, do ano 2014. Isto representa o 3,9% do PIB galego, do que o maior peso correspóndese co transporte terrestre (1,9%), o almacenamento e as actividades anexas ao transporte (1,6%), as actividades postais e de correo (0,3%) e o transporte marítimo e aéreo (0,1%).

Continuidade
A Análise do sector do transporte e da loxística é un documento elaborado polo IGE que dá continuidade a unha serie de análises iniciadas coa da cadea forestal-madeira, difundida no ano 2013. Esta serie tivo a súa continuación coa análise do sector da automoción, difundida en 2014; coa análise do sector da pesca, difundida en 2015 e, por último, a análise do sector cultural difundido en 2016.

O obxectivo destas publicacións é dobre: por unha banda, afondar no coñecemento da economía galega a través do estudo de sectores sobranceiros na estrutura económica de Galicia e, por outra, dar unha mellor difusión ás estatísticas de síntese económica elaboradas polo IGE.