Volver ao contido

Notas de prensa

O volume de negocio dos mediadores de seguros inscritos no rexistro da Xunta medrou un 15% desde 2014

O volume de negocio dos mediadores de seguros inscritos no rexistro da Xunta medrou un 15% desde 2014

  • A carteira de negocio dos mediadores superou os 77 millóns de euros o pasado ano
  • O ramo de ´non vida' acapara case o 79%, no que destacan os seguros de vehículos e os multirrisco
  • O número de mediadores inscritos no rexistro autonómico tamén medrou ata chegar aos 140
  • Aumenta ademais o persoal ocupado no sector da mediación en Galicia

 

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2017.- O volume de negocio do mediadores de seguros inscritos no rexistro autonómico da Xunta de Galicia medrou un 15% con respecto ao ano 2014, ata acadar os 77,6 millóns de euros segundo se desprende do informe sobre os Principais Indicadores da mediación de seguros en Galicia no ano 2016.

 

Este estudo elaborado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos sinala que o ramo de ´non vida´ segue acaparando o negocio dos mediadores de seguros e chega a case ao 79% cunha carteira de máis de 61 millóns de euros, destacando o ramo de vehículos, seguido dos seguros multirriscos. O ramo de ´vida´ acada algo máis do 21% cun volume de negocio de 16,5 millóns, e son na súa maioría seguros individuais.

 

Ademais, o informe tamén indica que o número total de mediadores inscritos no rexistro autonómico incrementouse no ano 2016 e acadou un total de 140, dos que 107 son corredores e 33, axentes de seguros vinculados. Atendendo á distribución por provincias, 82 exercen actividade en A Coruña, 32 en Pontevedra, 16 en Lugo e 10 en Ourense.

 

En canto ao persoal ocupado no sector da mediación, 481 persoas participaron directa ou indirectamente nesta actividade o ano pasado a través dos mediadores inscritos no rexistro da Comunidade Autónoma, 25 máis que no 2015.

 

O obxectivo deste informe é analizar a evolución dos principais indicadores da actividade de mediación levada a cabo polos corredores e axentes de seguros vinculados que desenvolveron a súa actividade en Galicia durante o exercicio 2016 e que, polo tanto, figuraban inscritos no rexistro autonómico.

 

Deste, conclúese que a totalidade dos mediadores inscritos neste rexistro cumpren coas súas obrigas legais e están ao día dos pagamentos dos correspondentes recibos tanto de responsabilidade civil como do seguro de caución, o que garante a súa capacidade financeira para o exercicio da actividade de mediación.