Volver ao contido

Notas de prensa

Oito empresas presentan ofertas para executar as obras de transformación da antiga delegación de Sanidade na Coruña no Espazo Amizar, cun orzamento de máis de 6,5 millóns

Oito empresas presentan ofertas para executar as obras de transformación da antiga delegación de Sanidade na Coruña no Espazo Amizar, cun orzamento de máis de 6,5 millóns

  • A intervención permitirá rehabilitar uns 5.500 metros cadrados na rúa Gregorio Hernández para crear un novo espazo público no centro urbano da cidade
  • Esta actuación permite poñer en valor o patrimonio propiedade da Comunidade Autónoma, aproveitando os edificios de carácter singular, modernizando os inmobles e poñéndoos de novo ao servizo dos cidadáns
  • Para iniciar esta actuación é preciso que o Concello da Coruña emita a licenza municipal para as obras, que foi solicitada pola Xunta o pasado mes de novembro

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2019.- Oito empresas presentaron ofertas para executar as obras de rehabilitación integral da antiga delegación da Consellería de Sanidade na cidade da Coruña, que pasará a ser o novo Espazo Público Amizar. O proxecto conta cun orzamento de licitación de 6,52 millóns de euros e contempla a rehabilitación integral do referido edificio administrativo, situado no centro da cidade, na rúa Gregorio Hernández.

A actuación foi licitada a principios de maio pola Axencia Galega de Infraestruturas. O novo Espazo Público Amizar suporá a rehabilitación dunha extensión duns 5.500 metros cadrados para ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades. Os traballos previstos neste edificio -proxectado en 1971- están pensados para dar resposta ás necesidades e aos diferentes usos aos que se destinarán as instalacións: oficina de emprego, sede de entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro e oficinas administrativas da propia Xunta. O edificio contará cun salón de actos de común para todos os usuarios do Espazo Amizar.

A antiga sede de Sanidade é un conxunto formado por un edificio principal destinado no seu día á Xefatura Provincial e composto de dúas pezas, unha prismática de cinco plantas e planta rectangular -que dá fronte á rúa Gregorio Hernández- e outra con planta ovalada e catro plantas que ocupa o interior da parcela. Estas dúas pezas atópanse unidas por unha zona de paso nas diferentes plantas. Estes edificios están en desuso, salvo unha pequena superficie no volume prismático na que se sitúa a Base Medicalizada Terrestre do 061.

Ademais, na parte sur da parcela, existe outro edificio de menor tamaño, de dúas plantas, atopándose a primeira en desuso, mentres que a planta baixa utilízase coma arquivo. Neste edificio situarase a futura sede do 061, que será obxecto dun proxecto independente.

A actuación deseñada desenvolverase no actual solar -de 4.248 metros cadrados-, sen modificar a edificabilidade, e dá resposta á necesidade de albergar varios usos diferentes, no conxunto formado polo edificio prismático e o óvalo. Así, a Oficina de Emprego estará na planta baixa, ao igual que o salón de actos, que terá saída independente. As oficinas da Xunta estarán na planta baixa, 1ª e 2ª. O  espazo destinado a entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro estará na planta 3ª, e as instalacións do edificio (como as caldeiras, ou o grupo electróxeno) e o arquivo, irán na planta -1.

As obras previstas modificarán os núcleos de comunicación vertical e os accesos; intervirán no patio interior, mellorando a entrada de luz e a permeabilidade visual, e suporán tamén a reforma da fachada, de forma que proxecte unha imaxe renovada do conxunto, así como unha mellora da eficiencia enerxética.

Á espera de licenza municipal
Para poder iniciar as obras é preciso que o Concello da Coruña emita a correspondente licenza municipal. Esta solicitude xa foi realizada pola Administración galega a principios do pasado mes de novembro, e a día de hoxe non consta que se teña aprobado a mesma.

Con esta actuación, o Executivo galego permite pór en valor o patrimonio propiedade da Comunidade Autónoma, aproveitando os edificios de carácter singular coma a antiga delegación, modernizando os inmobles e poñéndoos de novo ao servizo dos cidadáns.