Volver ao contido

Notas de prensa

Os sindicatos ANPE, SATSE e CESM-OMEGA súmanse ao acordo coa Xunta para impulsar o plan de estabilidade no emprego público

Os sindicatos ANPE, SATSE e CESM-OMEGA súmanse ao acordo coa Xunta para impulsar o plan de estabilidade no emprego público

  • Este plan permitirá ofertar 14.750 prazas na Administración galega ata 2020
  • Con estas novas adhesións ratifícase o apoio maioritario dos sindicatos ao acordo
  • Hoxe quedou constituída e comezou a traballar a comisión de seguimento, que conta con representantes de ambas partes
  • O acordo permitirá reducir ao 7% a taxa de temporalidade na Xunta e será de aplicación nos servizos públicos, incluída a sanidade, ensino e xustiza

 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017.- Os sindicatos do eido sanitario SATSE e CESM-OMEGA, xunto ao sindicato educativo ANPE, decidiron sumarse hoxe ao acordo sindical para desenvolver un plan de estabilidade no emprego público, que permitirá ofertar 14.750 prazas nos servizos públicos ata o ano 2020.

 

Este acordo foi acadado o pasado 18 de outubro entre representantes da Xunta de Galicia e dos sindicatos CC.OO., CSIF e UGT. Con estas novas adhesións, ratifícase que este acordo conta co apoio maioritario das organizacións sindicais no eido do emprego público.

 

Administración e sindicatos manterán un seguimento permanente de todas as incidencias da aplicación deste plan a través dunha comisión específica. Esta comisión comeza a traballar desde hoxe tras quedar constituída esta mañá en Santiago, nun acto no que estiveron presentes representantes dos sindicatos adheridos e tamén os responsables de xestión de persoal nas distintas áreas da Xunta: Función Pública, Educación, Sergas e Xustiza.

 

O plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos ten como obxectivo, co maior grao de consenso posible, poñer en marcha políticas de persoal que permitan reducir a taxa de temporalidade no emprego á contorna do 7%, achegándose así á plena estabilidade dos cadros de persoal da Administración autonómica.

 

O acordo acadado será de aplicación ao emprego público dependente da Xunta no ámbito dos servizos públicos. No ámbito da Xunta, no período de vixencia deste plan, aprobaranse ofertas de emprego ordinarias e tamén de estabilización. Na práctica, este acordo sindical vén a superar as limitacións derivadas da aplicación das taxas de reposición de efectivos públicos que houbo que aplicar nos últimos anos.

 

O acordo establece que os procesos de estabilización se desenvolvan a través do sistema de concurso-oposición, e serán previamente negociados nas mesas sectoriais. En todo caso, garantirán o cumprimento dos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade.