Volver ao contido

Notas de prensa

Valeriano Martínez participa nunha xornada de portas abertas para o alumnado de Primaria na Semana do Goberno Aberto

Valeriano Martínez participa nunha xornada de portas abertas para o alumnado de Primaria na Semana do Goberno Aberto

  • As actividades comezaron onte e rematan este venres cun webinario sobre o Plan de Mellora de Calidade dos Servizos Públicos
  • O seu obxectivo é promover os principios de transparencia, participación e crecemento inclusivo

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, participou hoxe na xornada de portas abertas para alumnos de Primaria que tivo lugar esta mañá no Edificio Administrativo de San Caetano con motivo da celebración da semana do Goberno Aberto.

Os destinatarios desta xornada eran os alumnos de sexto de Primaria do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela e os seus mestres, que puideron visitar algunhas das principais dependencias do edificio da Xunta e aprender sobre diversos procedementos e xestións administrativas que se desenvolven a diario.

Desde onte e ata o vindeiro venres 21 de maio, a Consellería de Facenda e Administración Pública, a través da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, organiza a semana do Goberno Aberto con diferentes xornadas de participación social para divulgar a actividade e os obxectivos da Administración entre distintos colectivos, desde os máis novos ata os máis maiores, sen esquecer ás persoas con discapacidade, ao alumnado universitario ou aos propios empregados públicos. 

Todas estas actividades promoven os principios de transparencia, rendición de contas e participación, en apoio da democracia e do crecemento inclusivo co fin de que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno Aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.

Mañá xoves, celebraranse foros de debate sobre gobernos e institucións públicas transparentes, responsables, participantes e inclusivos dirixidos a estudantes universitarios; e as actividades rematarán o venres, cun webinario sobre o Plan de Mellora de Calidade dos Servizos Públicos dirixido aos empregados públicos.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.