Volver ao contido

Notas de prensa

Xunta e sindicatos acordan a integración dos traballadores do Consorcio Galego de Benestar no convenio colectivo único do persoal laboral

Xunta e sindicatos acordan a integración dos traballadores do Consorcio Galego de Benestar no convenio colectivo único do persoal laboral

  • O acordo beneficiará a uns 1.800 empregados do Consorcio, que pasarán a ter as mesmas condicións laborais que o persoal laboral da Xunta
  • Estes traballadores aumentarán a súa retribución salarial ata equiparala á do persoal laboral, e neste 2017 xa percibirán os trienios
  • Os traballadores do Consorcio terán a mesma xornada que nos centros con persoal laboral, e accederán ás mesmas medidas para a conciliación
  • O acordo, subscrito por CIG, CCOO e UGT, foi ratificado por unanimidade polos cinco comités de empresa do Consorcio

Santiago, 6 de marzo de 2017.- Os conselleiros de Política Social e de Facenda, José Manuel Rey Varela e Valeriano Martínez García, respectivamente, e as organizacións sindicais CIG, CCOO e UXT asinaron hoxe o acordo para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia. Este concerto, que favorecerá a preto de 1.800 traballadores, é o resultado do diálogo entre a Administración autonómica e os sindicatos e foi ratificado por unanimidade polos cinco comités de empresa do Consorcio.

O acordo, en vigor dende o día 1 de xaneiro de 2017, permitirá a adhesión do persoal do Consorcio ao convenio único e, deste xeito, a equiparación salarial deste persoal. Os traballadores do Consorcio aumentarán de xeito progresivo as súas retribucións salariais ata equiparalas ás do persoal laboral da Xunta de Galicia nun prazo de cinco anos. Neste 2017, o acordo establece que este persoal xa recibirá o complemento por antigüidade e o abono de trienios.

Ademais, o persoal do Consorcio pasará a ter a mesma xornada de traballo que o persoal laboral adscrito ao convenio único da Xunta, dado que ata agora viña realizando unha xornada laboral lixeiramente superior. Xunto a isto, equipárase o réxime de permisos, licencias e vacacións para que o persoal do Consorcio acceda ás mesmas medidas para a conciliación da vida laboral e familiar que o resto do persoal laboral.

Máis emprego público
O acordo subscrito hoxe entre Xunta e sindicatos establece un incremento das prazas destinadas a servizos sociais nas ofertas de emprego público que aproba a Administración. Así, a Administración comprométese a que nas ofertas de emprego de 2017, 2018, 2019 e 2020 incluirase un mínimo do 20% das prazas cuxos postos de traballo estean no Consorcio, a través dos correspondentes procesos selectivos e de acordo coa normativa vixente.

Ademais, a contratación de persoal temporal para a cobertura de substitucións no Consorcio realizarase a través da lista para a contratación temporal de persoal laboral xa existente na Xunta. O acordo inclúe a apertura dun prazo extraordinario para a inscrición nesta lista.

O acordo establece o compromiso de iniciar os trámites para a funcionarización do persoal do Consorcio de todas as categorías, unha vez estean integrados como persoal laboral da Xunta de Galicia. Este proceso responde a unha demanda sindical e xa estaba establecido na Lei de Emprego Público de Galicia.

En canto á incorporación do persoal do Consorcio ao marco laboral único, hai dúas posibilidades. No caso de que o traballador do Consorcio desempeñe un posto de traballo cunhas características homologables a unha categoría profesional xa existente no convenio colectivo único, a adhesión realizarase nesta categoría. No suposto de que non exista unha categoría homologable no devandito convenio, a incorporación realizarase nunha categoría de nova creación que se incorporará ao novo convenio.

O persoal laboral fixo do Consorcio poderase integrar voluntariamente como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, mentres que no caso do persoal temporal, a integración farase de oficio pasando a ser persoal laboral temporal da Xunta, nos mesmos postos de traballo para os que foron seleccionados e realizándose a oportuna novación do contrato laboral incorporándoo a Xunta de Galicia na categoría laboral correspondente.

Así mesmo, contémplase a inclusión no convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia de dúas novas categorías propostas pola Consellería de Política Social coas mesmas funcións que actualmente están a desempeñar no Consorcio: xerocultor/a e persoal de servizos xerais. En ambos casos coas funcións que xa veñen desempeñando no Consorcio e que se recollen nos correspondentes regulamentos de réxime interno das áreas de Benestar e de Escolas Infantís do Consorcio, por ser necesarias para o correcto funcionamento dos centros deste organismo.