Volver ao contido

Notas de prensa

A conselleira de Facenda asegura que os Orzamentos de 2015 serán peza fundamental para trasladar a recuperación “a todos e cada un dos galegos”

A conselleira de Facenda asegura que os Orzamentos de 2015 serán peza fundamental para trasladar a recuperación "a todos e cada un dos galegos"

  • Elena Muñoz Fonteriz agradeceu o traballo dos grupos parlamentarios na tramitación da Lei de Orzamentos, que hoxe foi aprobada na Cámara

 

Santiago, 16 de decembro de 2014.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, asegurou hoxe no Parlamento que os Orzamentos da Xunta para 2015 serán "peza fundamental" para conseguir trasladar a recuperación económica "a todos e cada un dos galegos".

 

Durante o Pleno do Parlamento celebrado hoxe, a titular de Facenda agradeceu o labor realizado polos grupos parlamentarios no procedemento de tramitación da Lei de Orzamentos da Xunta para 2015, que hoxe foi aprobada na Cámara autonómica logo de case dous meses de traballo.

 

Na súa intervención, Muñoz Fonteriz lembrou que o reto dos Orzamentos para o ano 2014 era o de conseguir saír dunha situación de recesión económica. Así, destacou que a taxa de desemprego en Galicia reduciuse no último ano en máis dun punto.

 

Neste sentido, a conselleira de Facenda subliñou que Galicia xa non está en recesión e que conta con 22.222 desempregados menos, un 8,2% menos que hai un ano. Destacou ademais que se produciu xa un cambio de tendencia e que o reto que afrontan agora os Orzamentos para o vindeiro ano 2015 é o de consolidar ese cambio de tendencia e, ao mesmo tempo, a recuperación económica.

 

"O traballo non acabou, hai que intensificalo, se cabe, para conseguir trasladar esa recuperación a todos e cada un dos galegos", apuntou.

 

Os Orzamentos Xerais da Xunta para o ano 2015 medran por primeira vez dende antes da crise e contan cun gasto non financeiro de 8.436 millóns de euros. Deste xeito, a capacidade de gasto aumenta en máis de 60 millóns respecto ao actual exercicio.