Volver ao contido

Notas de prensa

A conselleira de Facenda participa na apertura dos traballos de programación dos fondos comunitarios no período 2014-2020

A conselleira de Facenda participa na apertura dos traballos de programación dos fondos comunitarios no período 2014-2020

  • Elena Muñoz Fonteriz interveu na xornada ‘Crecemento Intelixente sobre TIC e PEMES', que dá inicio a esta planificación
  • Celebraranse catro mesas de traballo neste mes de abril, dúas relacionadas co FEDER e dúas co FSE, co obxectivo de contribuír a elaborar unha programación dos fondos axeitada ás necesidades e prioridades de Galicia
  • A conselleira subliñou a necesidade de levar a cabo unha planificación da política de cohesión transparente e que implique a toda a cidadanía

Santiago, 10 de abril de 2014.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, participou hoxe na apertura dos traballos de programación dos fondos comunitarios para o novo período 2014-2020, que se iniciaron esta mañá cunha mesa de traballo sobre crecemento intelixente.

A titular de Facenda explicou que ao longo deste mes de abril celebraranse un total de catro mesas de traballo, dúas no marco do FEDER dedicadas ás TIC e ás PEMES, e outras dúas vinculadas aos ámbitos de actuación do FSE, como son o emprego, a educación e a inclusión social.

Muñoz Fonteriz destacou que nestes grupos de traballo participarán xestores das áreas implicadas; representantes económicos e sociais; membros da administración local; xestores doutros fondos estruturais e de investimento europeo; e representantes de organizacións sociais e do terceiro sector, co fin de acadar un desenvolvemento axeitado e produtivo das mesas.

Neste contexto, subliñou que os axentes sociais implicados contribuirán a elaborar unha programación axeitada ás necesidades e prioridades de Galicia para seguir impulsando a economía do coñecemento, o espírito emprendedor e a internacionalización das empresas galegas.

Política de cohesión para o período 2014-2020

Durante a súa intervención, a conselleira de Facenda explicou a importancia de que Galicia leve a cabo unha planificación da política de cohesión para o período 2014-2020 que sexa transparente, que implique a toda a cidadanía e que conte cun amplo consenso de todas as partes involucradas.

Todo isto co obxectivo de dar resposta aos retos e necesidades dos diferentes colectivos e sempre tendo en conta os aspectos transversais, o contexto específico da Comunidade Autónoma, as prioridades comunitarias e a complementariedade e coherencia respecto doutros instrumentos da Unión Europea.

Estas actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco dos Programas Operativos FEDER e FSE de Galicia 2007-2013, con cargo aos Eixes de  Asistencia técnica (7 e 5 respectivamente), e tema prioritario 85, cunha taxa de cofinanciamento do 80%