Volver ao contido

Notas de prensa

A conselleira de Facenda participou hoxe en Oviedo no Día de Galicia en Asturias

A conselleira de Facenda participou hoxe en Oviedo no Día de Galicia en Asturias

  • Elena Muñoz Fonteriz asistiu á imposición das insignias de Ouro da Asociación Día de Galicia en Asturias, concedidas a Marta Fernández Currás e ao Padre Ángel
  • Na súa intervención, dixo que os condecorados son exemplos de persoas que, "sen perder os vínculos co seu territorio, desenvolven con acerto o seu labor alá onde realizan o seu traballo en cada momento"
  • A titular de Facenda salientou que este acto anual contribúe "a alimentar os lazos de irmandade que xa existen entre as dúas comunidades"

Oviedo, 14 de setembro de 2014.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, asistiu hoxe en Oviedo á imposición das insignias de ouro da Asociación Día de Galicia en Asturias. Os premiados foron Marta Fernández Currás, secretaria de Estado de Presupuestos y Gastos do Goberno de España, e o Padre Ángel, presidente de Mensajeros por la Paz. O acto, que serviu de recoñecemento á traxectoria de ambos, foi o broche de ouro das múltiples actividades festivas que se viñeron desenvolvendo ao longo da última semana.

Durante a súa intervención, Elena Muñoz Fonteriz destacou a honra de representar ao Goberno autonómico neste acto de confraternidade entre Galicia e Asturias, coa entrega dunhas condecoracións que contribúen, sen dúbida, "a alimentar os lazos de irmandade que xa existen entre ambas comunidades", sinalou.

De Marta Fernández Currás recoñeceu a traxectoria dunha galega coa que dixo que tivo a sorte de traballar no Goberno autonómico cando lle tocou xestionar a Facenda da comunidade e salientou que é unha persoa de "grande capacidade de traballo, rigor e determinación á hora de afrontar retos e superalos con éxito".

Tamén resaltou a traxectoria do Padre Ángel, centrada no seu afán de favorecer o nivel de vida das persoas e en mellorar a asistencia da poboación máis desfavorecida en países en desenvolvemento.

Muñoz Fonteriz dixo dos dous que, nos seus respectivos ámbitos, contribúen "a mellorar o mundo en que vivimos" e que son claros exemplos de persoas,-unha galega e un asturiano- que sen perder os vínculos co seu territorio de orixe, desenvolven con acerto o seu labor alá onde realizan o seu traballo en cada momento.

A Asociación Día de Galicia en Asturias celebra este evento para promover as relacións entre ambas comunidades desde o ano 1996.