Volver ao contido

Notas de prensa

A conselleira de Facenda traslada aos pensionistas retornados que o proceso de regularización dá resposta á súa principal reclamación, non ser tratados como defraudadores

A conselleira de Facenda traslada aos pensionistas retornados que o proceso de regularización dá resposta á súa principal reclamación, non ser tratados como defraudadores

  • Elena Muñoz Fonteriz reuniuse hoxe con representantes deste colectivo
  • Explicoulles que coa modificación normativa aprobada polo Goberno recibirán o mesmo trato que o resto de pensionistas galegos
  • Con este cambio xa non pagarán sancións, recargos nin xuros de demora, e tamén se lles devolverán aos que xa pagaron
  • Deste xeito evitaranse discriminacións entre os pensionistas que estiveron na emigración e os que traballaron en España
  • Anuncioulles que a Axencia Tributaria de Galicia estará á súa disposición para facilitar o proceso de regularización, pese a tratarse dunha competencia do Estado

Santiago, 5 de agosto de 2014.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, mantivo hoxe un encontro en Santiago con representantes das plataformas de pensionistas retornados no que lles trasladou que o proceso de regularización aprobado polo Goberno dá resposta á súa principal reclamación, que era non ser tratados como defraudadores.

Acompañada do director da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), Ulpiano Villanueva, a conselleira de Facenda explicou aos representantes deste colectivo que coa modificación normativa aprobada polo Estado van recibir o mesmo trato que o resto de pensionistas galegos, xa que non terán que pagar sancións, recargos nin xuros de demora polas pensións percibidas. Esta demanda era a mesma que solicitara por unanimidade o Parlamento galego en setembro de 2013.

Neste sentido, a modificación aprobada en Consello de Ministros supón a apertura dun proceso extraordinario de regularización, cunha duración de seis meses dende o 1 de xaneiro de 2015. Os pensionistas que se acollan a este procedemento non pagarán sancións, recargos nin xuros de demora, e a aqueles que xa o fixeron devolveránselles as cantidades aboadas.

Muñoz Fonteriz asegurou que con este cambio normativo se lle dá resposta a unha reclamación compartida tamén polo Goberno galego. De feito, tanto o presidente da Xunta coma a propia conselleira trasladáranlle ao ministro de Hacienda as demandas deste colectivo, co que se mantiveron previamente varios encontros.

Ademais, a conselleira incidiu en que esta modificación normativa –pendente do trámite parlamentario- evitará discriminacións entre os pensionistas que estiveron na emigración e aqueles que traballaron en España e que tributaron polas súas pensións recibidas.

Finalmente, anuncioulles que a Axencia Tributaria de Galicia estará á súa disposición para facilitar o proceso de regularización, pese a tratarse dunha competencia do Estado.