Volver ao contido

Notas de prensa

A Oficina Virtual Tributaria da Xunta permitiu aforrar a cidadáns e empresas 113 millóns de euros desde 2009

A Oficina Virtual Tributaria da Xunta permitiu aforrar a cidadáns e empresas 113 millóns de euros desde 2009

  • O sistema telemático da Axencia Tributaria de Galicia recibe cada día máis de 1.800 accesos a través da páxina web
  • O 100% dos impostos xestionados pola ATRIGA poden presentarse xa por vía telemática as 24 horas do día os 365 días do ano
  • Case seis de cada dez autoliquidacións dos impostos xestionados pola Xunta preséntanse xa pola internet
  • Desde 2009 tramitáronse máis dun millón de autoliquidacións a través da Oficina Virtual, o que permite aforrar trámites e tempo aos contribuíntes
  • En 2013 tramitáronse pola internet 294.000 valoracións de bens, o que supón un 63% máis que hai cinco anos
  • O uso da administración electrónica no eido tributario reduce custos aos cidadáns, mellora a produtividade e eleva a transparencia cara ao contribuínte

Santiago, 24 de xaneiro de 2014.- A Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Xunta de Galicia permitiu aforrar a cidadáns e empresas preto de 113 millóns de euros desde 2009, ao tempo que serviu para mellorar a produtividade na Administración e elevar a transparencia cara ao contribuínte, segundo reflicte un informe presentado hoxe no Consello da Xunta pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz.

En 2013, a Oficina Virtual Tributaria recibiu un total de 669.589 accesos, o que representa un incremento do 12,5% respecto a ano anterior e do 30,5% desde 2009. Na actualidade, esta ferramenta telemática recibe máis de 1.800 accesos ao día, o que demostra o uso cada vez maior das novas tecnoloxías na presentacións dos impostos xestionados pola Xunta.

De feito, o 100% dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia poden presentarse xa por vía telemática, o que permite a calquera contribuínte realizar este trámite as 24 horas do día os 365 días do ano, e sempre coa máxima seguridade. Tamén se pode realizar por esta vía o pagamento de taxas, prezos, multas e sancións.

Segundo reflicte o informe, o 58% das autoliquidacións de impostos presentadas en 2013 foron a través de internet, mentres que as presentacións en papel se reduciron neste período ao 42%. Desde 2009, o peso dos trámites por vía telemática medrou en máis de 11 puntos, da mesma forma que se van reducindo as presentacións en papel.

En total, a Oficina Virtual Tributaria da ATRIGA recibiu o pasado ano 211.591 autoliquidacións a través da internet, e a cifra acumulada desde 2009 supera xa o millón. Ademais, cidadáns e empresas tramitaron 293.998 valoracións de bens a través desta ferramenta, un 63% máis que hai cinco anos.

Entre os servizos públicos electrónicos que ofrece a OVT figuran a confección e impresión de modelos de autoliquidación, a declaración e pagamento telemático de tributos e outros servizos xerais, como consultas, valoracións de bens inmobles, valoración de vehículos usados, verificacións de documentos ou certificacións.

Outro dos eidos de actuación deste mecanismo é a emisión electrónica de certificados de débedas. Así, a través da vía telemática emítense certificados a terceiros para cumprir requisitos en solicitudes de axudas, subvencións ou contratos.

Vantaxes

O progresivo desenvolvemento da Oficina Virtual Tributaria supón un importante aforro de tempo e de custos para a cidadanía, xa que a miúdo lles evita acudir presencialmente ás dependencias da Administración para realizar determinados trámites que agora pode realizar desde o seu domicilio.

Ademais, a potenciación da vía telemática na tramitación de impostos tamén supón vantaxes para a propia Administración autonómica. Por exemplo, implica unha redución de cargas administrativas, unha maior transparencia na relación cos cidadáns e unha mellora da produtividade.