Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aplicará en 2015 beneficios fiscais a familias e empresas por 321 millóns de euros, un 4,8% máis, e afondará no reequilibrio territorial

A Xunta aplicará en 2015 beneficios fiscais a familias e empresas por 321 millóns de euros, un 4,8% máis, e afondará no reequilibrio territorial

 

  • A Administración galega investirá 732 por habitante en Lugo e 673 euros en Ourense, fronte aos 401 de A Coruña e 396 de Pontevedra
  • A conselleira de Facenda entregou hoxe no Parlamento os proxectos de Lei de Orzamentos para 2015 e de Medidas Fiscais e Administrativas
  • Elena Muñoz Fonteriz lembra que as contas de 2015 son as primeiras que medran dende 2009, e que elevan os investimentos sen deixar de reforzar o gasto social
  • Uns 280 millóns de euros de beneficios fiscais terán carácter social, para favorecer ás familias e empresas galegas
  • O aforro corrente positivo acadará os 415 millóns de euros, cun incremento de 225 millóns respecto ao actual exercicio
  • En 2015, Galicia recuperará a creación de emprego neto e rexistrará un crecemento da economía do 2%, o maior incremento do PIB dende 2007
  • As prioridades e áreas clave ata 2020 serán a mellora da empregabilidade, a competitividade das pemes, a economía do coñecemento, o benestar social, as infraestruturas de rede e a sostenibilidade ambiental

 

Santiago, 20 de outubro de 2014.- O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade galega para 2015 priorizará o gasto nas provincias de Lugo e Ourense co obxectivo de afondar no reequilibrio territorial entre as distintas provincias galegas, ao tempo que aplicará beneficios fiscais a familias e empresas por un importe de 321 millóns de euros, un 4,8% máis que no actual exercicio.

 

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, entregou hoxe no Parlamento galego o proxecto de Lei de Orzamentos para 2015 e o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que inclúen un gasto non financeiro de 8.436 millóns de euros. É a primeira ocasión en que medran as contas da Administracón autonómica dende o ano 2009.

 

Na súa intervención, Muñoz Fonteriz detallou que o gasto por habitante na provincia de Lugo situarase en 732 euros, e na de Ourense en 673 euros. Estas cantidades superan o gasto por habitante que destinará a Xunta nas provincias atlánticas: 401 euros en A Coruña e 396 en Pontevedra, o que permitirá fortalecer no reequilibrio territorial.

 

Ademais, a conselleira avanzou que os Orzamentos de 2015 incluirán beneficios fiscais para familias, fogares e empresas por un importe de 321 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,8% respecto ao actual exercicio.

 

Os beneficios fiscais son unha estimación do impacto sobre os tributos autonómicos das medidas de política económica e social da Xunta. Do total de beneficios fiscais en 2015, máis do 87% son beneficios de carácter social.

 

Afondar no crecemento

Ademais, as contas do vindeiro ano serán as primeiras que medren dende 2009. A Xunta disporá en 2015 de máis capacidade de gasto e destinará máis recursos a investimento e menos a débeda, reducindo en preto dun 5% o capítulo de gasto en xuros, e sen deixar de reforzar o gasto social, que concentrará case oito de cada dez euros. En total, a Xunta disporá en 2015 de 60,6 millóns de euros máis de gasto dispoñible.

 

De feito, Galicia pasou de ser a terceira comunidade con maior ratio de endebedamento en 2007, a ser na actualidade a sétima autonomía con menor ratio, cun endebedamento 4,2 puntos inferior á media. Galicia tamén é a única comunidade de réxime común que non acudiu aos mecanismos de rescate postos en marcha pola Administración do Estado.

 

Prioridades de gasto

Entre as prioridades de gasto da Xunta o vindeiro ano figuran o impulso de infraestruturas sanitarias (124 millóns), no eido hidráulico (142 millóns) ou no sector primario (116 millóns). Tamén se destinan 135 millóns de euros a investimentos en medio ambiente, transportes e enerxías renovables.

 

Igualmente, a promoción do emprego seguirá sendo unha prioridade no capítulo de gasto e por iso contará con 152 millóns de euros para mellorar a cualificación dos traballadores e a empregabilidade, e 27 millóns para fomentar o traballo autónomo, o emprendemento e as cooperativas.

 

Aforro corrente positivo

Galicia acadará en 2015 un aforro corrente positivo de 415 millóns de euros, o que supón un aumento de 225 millóns respecto ao actual exercicio. Este incremento é froito dunha maior diferencia entre os ingresos correntes e os gastos correntes, e proporciona máis marxe para financiar investimentos.

 

Ademais, a conselleira de Facenda incidiu en que Galicia pechará este ano con taxas positivas de crecemento por primeira vez en catro anos –o PIB avanzará un 0,9%-, mentres que no 2015 afondarase nese crecemento da economía cunha taxa do 2%. Ademais, recuperarase a creación neta de emprego e a taxa de paro reducirase en 1,6 puntos.

 

A Galicia do 2020

Na presentación dos Orzamentos, a conselleira de Facenda tamén se referiu as prioridades e áreas clave da Comunidade autonóma ata 2020. Muñoz Fonteriz fixo fincapé na economía do coñecemento, na mellora da empregabilidade ou no benestar social como ferramentas para acadar un crecemento intelixente, sostible e integrador.

 

Entre estas áreas clave tamén están as infraestruturas de rede, a competitividade empresarial –incluído o impulso á internacionalización e á innovación do tecido empresarial galego- e sostenibilidade ambiental. "Estes son uns Orzamentos nos que non só pensamos no presente, senón que comezamos a preparar a Galicia do ano 2020", indicou.

 

 

 

Deducións

Nos Orzamentos entregados hoxe no Parlamento, a Xunta introduce novas rebaixas selectivas de impostos co obxectivo de fomentar a natalidade -Galicia pasa a liderar este eido-, favorecer o investimento en I+D+i, incentivar a utilización de enerxías limpas e impulsar a competitividade no sector do transporte profesional, coa exención total do tramo autonómico do Imposto de Hidrocarburos para os transportistas profesionais.

 

No eido tributario, establécense tamén novidades coma o novo Imposto Compensatorio Ambiental Mineiro (ICAM), que gravará a alteración da superficie e o almacenamento de residuos dos minerais metálicos e metais preciosos, sen afectar ás explotacións tradicionais de Galicia, como as de lousa, o granito ou os áridos.

 

Estas contas tamén garanten a redución nun 30% do déficit público, en 172,5 millóns de euros, conforme ao pactado no Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF), que fixou no 0,7% o obxectivo de estabilidade orzamentaria para 2015. Galicia é a terceira comunidade que rexistra menos déficit público dende 2009, e este control ten o seu reflexo no endebedamento público, que tamén segue controlado. De feito, Galicia é tamén a segunda comunidade onde menos medrou a ratio de débeda/PIB dende o inicio da crise.