Volver ao contido

Notas de prensa

Facenda destaca que a fundación herdeira da obra social das caixas reduciu en 32 millóns o seu déficit dende 2011 e ten a viabilidade asegurada

Facenda destaca que a fundación herdeira da obra social das caixas reduciu en 32 millóns o seu déficit dende 2011 e ten a viabilidade asegurada

  • O director xeral de Política Financeira resalta que a Fundación Galicia Obra Social é agora unha entidade normalizada, logo de prescindir do gasto de carácter non social
  • Manuel Galdo avanza que o padroado precisará unha maioría cualificada para aprobar "decisións estratéxicas importantes", como a modificación de estatutos ou a venda de activos
  • A fundación prevé contar cun plan estratéxico antes do 30 de novembro de 2014
  • Na súa comparecencia parlamentaria, indicou que o acordo de financiamento con Abanca achegará estabilidade á fundación
  • Lembrou que a comisión xestora priorizou o gasto con contido social e deixou a entidade "nunha posición mellor que a que tiña"

(Santiago, 18 de xullo de 2014).- O director xeral de Política Financeira e Tesouro, Manuel Galdo Pérez, destacou hoxe no Parlamento que a fundación herdeira da obra social das antigas caixas reduciu o seu déficit en 32 millóns de euros dende 2011, o que supón unha baixada do 86,4%, de forma que a entidade inicia agora unha nova etapa "nunha posición mellor que a que tiña".

Nunha comparecencia na Cámara galega, o representante da Consellería de Facenda explicou a situación da fundación herdeira das antigas caixas galegas. Esta entidade converteuse automaticamente por lei en fundación a finais de 2012, co nome de Fundación Novacaixagalicia e baixo o protectorado da Xunta, e na actualidade conta xa cuns novos estatutos baixo a denominación de Fundación Galicia Obra Social.

Na súa intervención, Manuel Galdo explicou que a fundación é agora unha entidade normalizada e coa viabilidade asegurada grazas ao traballo realizado nos últimos 18 meses por unha comisión xestora e, posteriormente, por un padroado inicial. Para iso, reduciuse o déficit da entidade en 32 millóns de euros dende 2011 (un 86,4% menos) e priorizouse o gasto con contido social.

Entre as medidas de xestión levadas a cabo neste período, o director xeral de Política Financeira destacou que a fundación reduciu un 90% os gastos de alta dirección e estableceu un teito salarial que supuxo unha diminución do 60% das retribucións. Tamén eliminou as dietas nos órganos de goberno, e rebaixou a menos dun terzo os gastos de administración.

Galdo Pérez tamén se referiu ao novo padroado que rexerá a entidade, tal como establecen os estatutos da Fundación Galicia Obra Social. Así, avanzou que o padroado precisará unha maioría cualificada de dous terzos para aprobar "decisións estratéxicas", como a modificación dos estatutos, a venda de activos emblemáticos, a delegación de facultades ou a fusión, liquidación ou extinción da entidade.

En canto aos requisitos para formar parte do órgano decisorio –que estará conformado por un máximo de 28 membros-, lembrou que terá carácter gratuíto e que non poderán acceder cargos de representación política, sindical ou empresarial. Ademais de esixir unha cualificación a todos os seus integrantes, non poderán acceder antigos membros dos consellos das caixas.

Ademais, a Fundación Galicia Obra Social –que opera coa marca comercial Afundación- prevé contar cun plan estratéxico antes do 30 de novembro de 2014.

Acordo de financiamento

En canto ao acordo de financiamento acadado con Abanca, o director xeral de Política Financeira destacou que garante a estabilidade da fundación durante 30 anos, xa que a entidade bancaria achegará unha cantidade mínima de 150 millóns de euros neste período, equivalente ao 53,6% do actual patrimonio da fundación.

En concreto, o acordo establece como mínimo un financiamento para a fundación de 5 millóns de euros anuais ata 2017. A partir de 2018 a cantidade a percibir será de 5 millóns anuais ou do 3% dos beneficios despois de impostos do banco, se esta última cantidade é maior.

Galdo Pérez incidiu en que Galicia conta agora cunha fundación de interese galego, baixo o protectorado da Xunta e que funciona como unha entidade normalizada no eido social e operativo. Tamén lembrou que o seu padroado cumpre o acordo parlamentario acadado en decembro de 2013, e agradeceu o esforzo dos traballadores e da xerencia durante os últimos meses.