Volver ao contido

Notas de prensa

A Axencia Tributaria de Galicia recibiu máis de 365.000 autoliquidacións no pasado exercicio

A Axencia Tributaria de Galicia recibiu máis de 365.000 autoliquidacións no pasado exercicio

 

  • O director da ATRIGA subliñou que no ano 2013 se concederon aprazamentos e fraccionamentos por importe de 23 millóns de euros co fin de facilitar a familias e empresas o cumprimento das obrigas tributarias
  • Por outra banda, as actuacións de comprobación e inspección permitiron detectar importes non declarados por máis de 150 millóns de euros
  • Ademais, segundo expuxo, a OVT permitiu aforrar a cidadáns e empresas preto de 113 millóns de euros dende 2009, ao tempo que serviu para mellorar a produtividade na Administración e elevar a transparencia cara o contribuínte
  • O director do organismo explicou que a colaboración da Axencia Tributaria de Galicia e a Agencia Estatal de Administración Tributaria permitiron conceder máis de 37.000 citas
  • Ulpiano Villanueva compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para informar da actividade da ATRIGA durante o ano 2013

 

Santiago, 19 de setembro de 2014.- A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) recibiu o pasado ano 2013 máis de 365.000 autoliquidacións dos principais impostos, a gran maioría no ámbito do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e no Imposto de Sucesións. Ambos tributos concentran a maior parte dos ingresos tributarios xestionados por este organismo.

 

Así o explicou hoxe o director da ATRIGA, Ulpiano Villanueva, na Comisión 3ª do Parlamento onde informou da actividade deste organismo durante o pasado exercicio. Neste sentido, destacou que o 58% destas autoliquidacións foron presentadas de xeito telemático, porcentaxe que se incrementou en doce puntos nos últimos cinco anos ao pasar do 46,4% ao 58%.

 

Ademais, segundo expuxo, no pasado exercicio concedéronse aprazamentos e fraccionamentos por importe de 23 millóns de euros co fin de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a familias e empresas. Esta cifra ascende a case 116 millóns de euros dende o 2009.

 

Ulpiano Villanueva destacou tamén a potenciación da loita contra a fraude fiscal e subliñou que as actuacións de comprobación e inspección da Axencia Tributaria de Galicia permitiron detectar importes non declarados por máis de 150 millóns de euros. Destes, a maioría, un total de 137,6 millóns, deriváronse de actuacións de xestión, mentres que os 16 millóns restantes foron como consecuencia de labores de inspección.

 

Máis facilidades ao contribuínte

Durante a súa intervención, o director da ATRIGA explicou que, ademais do labor de comprobación e inspección, outra das prioridades da Axencia Tributaria de Galicia é a de facilitarlle ao contribuínte o cumprimento das obrigas tributarias.

 

Para iso, a Administración galega está a potenciar a Oficina Virtual Tributaria (OVT) como un mecanismo que supón un importante aforro de tempo e de custos para a cidadanía, xa que a miúdo evítalles acudir presencialmente ás dependencias da Administración para realizar determinados trámites que agora pode realizar dende o seu domicilio.

 

A OVT permitiu aforrar a cidadáns e empresas preto de 113 millóns de euros dende 2009, ao tempo que serviu para mellorar a produtividade na Administración e elevar a transparencia cara o contribuínte. O pasado ano, a Oficina Virtual Tributaria recibiu case 670.000 accesos, de modo que esta ferramenta telemática recibiu máis de 1.800 accesos ao día, o que demostra o uso cada vez maior das novas tecnoloxías na presentación dos impostos xestionados pola Xunta.

 

Ademais, durante o 2013 estiveron en funcionamento os xestores de colas nas Delegacións de A Coruña e Vigo, que permiten rexistrar o número de atencións presenciais e analizar o tempo medio de atención por materia. A través deste sistema atendéronse máis de 123.000 persoas. Actualmente xa están operativos nas cinco delegacións.

 

Finalmente, na área de actuacións de información e asistencia ao contribuínte, Ulpiano Villanueva destacou a colaboración da ATRIGA coa Agencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) na campaña da Renda 2012. Así, o seu organismo participou nos servizos de asistencia ao contribuínte mediante cita previa, o que permitiu conceder más de 37.000 citas, atender máis de 14.000 declaracións e verificar máis de 26.000 borradores.