Saúda da conselleira

Cos Orzamentos de 2014 marcámonos o dobre obxectivo de reforzar o gasto social, dándolle prioridade ás persoas con máis necesidades, e de consolidar un cambio de tendencia na economía que permitirá por primeira vez dende que se iniciou a crise recuperar a senda positiva de crecemento e reducir a taxa de desemprego.


Presentamos unhas contas que seguen a mesma liña dos anos anteriores en canto a apostar pola xestión prudente e responsable como fórmula para encarar a recuperación económica.


E, pese ao lixeiro descenso da nosa capacidade de gasto, non renunciamos a mellorar a prestación dos servizos públicos e a introducir novidades fiscais pensadas para facilitar o día a día dos fogares e as nosas empresas. Estas últimas tamén terán a súa disposición o Fondo de Crecemento, reforzado este ano cun incremento do 6% que permite elevar a súa dotación ata os 412 millóns.


Ademais de manter como seña de identidade o realismo na confección destes Orzamentos –os segundos que presentamos en só once meses-, Galicia volverá mostrar o seu compromiso no cumprimento do déficit e no control do endebedamento. E consolidará o esforzo de financiamento das universidades, dos concellos e de partidas como a dependencia ou os comedores escolares.


Estamos convencidos de que o importante traballo feito nos últimos anos xa deu os seus froitos e nos sitúa en mellor posición para recuperar o crecemento e deixar atrás a crise. Co traballo de todos este camiño será máis sinxelo percorrelo.

 

: Elena Muñoz Fonteriz

Temas relacionados