Actualidade

[Nova2012]A XUNTA ADAPTA O MÍNIMO EXENTO NO IMPOSTO DO PATRIMONIO Á REGULACIÓN ESTATAL

A XUNTA ADAPTA O MÍNIMO EXENTO NO IMPOSTO DO PATRIMONIO Á REGULACIÓN ESTATAL

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2011- O Consello da Xunta aprobou hoxe o Proxecto de Lei de medidas fiscais para o vindeiro ano 2012, que adapta a contía mínima exenta para o imposto de patrimonio á regulación estatal, polo que quedará fixado nos 700.000 euros, o mesmo límite fixado polo Goberno central.

 

Esta decisión prodúcese logo de que o Executivo central decidise suprimir a dedución total que tiña este imposto desde o ano 2008, posto que o mínimo exento fixado anteriormente en Galicia estaba en algo máis de 108.200 euros.

 

Ademais, establece beneficios fiscais entre os que está a bonificación do 50% do coeficiente de vertedura durante o ano que vén naqueles lugares con estacións de depuración de augas residuais (EDAR) xa xestionadas polo Goberno galego.

 

Tamén fixa a exención do pagamento do canon da auga para aquelas familias en risco ou en situación de exclusión social, así como aquelas entidades que presten servizos directos a persoas con estas características.

 

Por outra banda, modifica a dedución no imposto da renda sobre as persoas físicas (IRPF) xa existente relativa ao investimento en accións de empresas que cotizan no mercado alternativo bursátil (MAB) para facilitar o acceso a ela a pequenos investidores.

 

Para iso, elimina o requisito de ter máis do 1% do capital. Así mesmo, amplía de dous a tres anos o prazo de mantemento do investimento para que a vinculación coa empresa sexa máis duradeira e, para paliar impactos, rebaixa a porcentaxe da dedución do 20 ao 15%.

 

Converte en indefinida a dedución do 100% na modalidade do imposto de actos xurídicos documentados (IAXD) para a constitución de préstamos hipotecarios destinados á cancelación doutros préstamos que foron destinados á adquisición de vivenda, e amplía tamén o seu contido aos créditos hipotecarios.

 

Igualmente equipara o tratamento dos créditos hipotecarios cos préstamos hipotecarios no gravame de IAXD para ofrecer liberdade ao contribuínte para elixir a figura xurídica máis conveniente aos seus intereses sen que existan condicionantes fiscais nesa decisión.

 

Establece un novo beneficio fiscal, do 100% en AXD, para os créditos e préstamos cando se modifique o sistema de amortización ou calquera outra condición financeira do préstamo ou crédito. Con isto elimínanse os condicionantes fiscais para a modulación dos préstamos e créditos existentes nos momentos de crise que se están vivindo.

 

Así mesmo, modifícase a lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental para ampliar as actuacións de protección do ambiente ás que se pode destinar este fondo de compensación. Deste xeito, engádense os custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente.

 

Outra das medidas incluídas é a modificación da normativa autonómica sobre o xogo para adaptala aos novos tipos de xogo autorizados en Galicia, como o bingo electrónico, ou que estea previsto autorizar, así como á normativa estatal, que, entre outras cuestións, crea o imposto sobre as actividades de xogo e cambia a tributación das apostas.

 

En materia de ordenación farmacéutica, modifícanse varios preceptos da lei para cambiar horarios e servizos de garda das farmacias nas zonas rurais sempre que se asegure o servizo adecuado ao usuario, ademais de dar servizo e tratamento a 7.500 persoas de residencias pública e concertadas en materia farmaceútica.


Temas relacionados