Actualidade

[Nova2012]A XUNTA APROBA UNS ORZAMENTOS ESTABLES E SOCIAIS CO OBXECTIVO DE CRECER UN 1,1% EN 2012

A XUNTA APROBA UNS ORZAMENTOS ESTABLES E SOCIAIS CO OBXECTIVO DE CRECER UN 1,1% EN 2012

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2011 - O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de Orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2012, unhas contas estables, sociais e prudentes, que cumprirán un ano máis o obxectivo de estabilidade orzamentaria e que prevén que Galicia creza un 1,1% o vindeiro exercicio.

O gasto non financeiro da Xunta manterase estabilizado, caerá un 0,1%, ata os 9.135 millóns de euros. O Goberno galego seguirá potenciando o gasto social, con algo máis de tres de cada catro euros para sanidade, educación e servizos sociais, o que supón un incremento de 7,7 puntos respecto ao ano 2009.

As prioridades das contas autonómicas serán continuar na senda da recuperación económica, a solvencia da Facenda autonómica e o mantemento das políticas do Estado de Benestar. Ademais, grazas ao axuste realizado nos dous últimos anos en 2012 poderanse estabilizar os investimentos orzamentarios en relación á capacidade de gasto que houbo este exercicio.

En materia de emprego, a estimación é que os axustes sufridos nos dous últimos anos permitan, con prudencia, albiscar un escenario no que se poida frear a destrución de postos de traballo e que a taxa de paro mellore lixeiramente, ata o 16,4%, co que Galicia seguirá mantendo un diferencial positivo coa media española de 4,5 puntos.

 

 

Galicia, comunidade pioneira en consolidación fiscal

Por outra banda, Galicia é a única autonomía española que máis pasos ten dado na dirección da consolidación fiscal e é a comunidade que máis se ten esixido e a que máis ferramentas ten posto en marcha. Así, dotouse dun teito de gasto por lei, que aumentou a transparencia e disciplinou a elaboración das contas; e dunha regra fiscal asociada ao ciclo económico.

Tamén foi, xunto a Madrid, a única autonomía que cumpriu tanto no ano 2009 como no exercicio 2010, o obxectivo de estabilidade orzamentaria, co que mellorou a solvencia do conxunto de España.

Ademais, a Comunidade galega incrementou a débeda por debaixo da media nos dous últimos exercicios e deseñou un Plan Estratéxico 2010-2014- Galicia 2020, que foi eloxiado polo comisario europeo, pois vai na liña da estratexia comunitaria Europa 2020.

Galicia mantense como unha autonomía fiable para os mercados, pois a pesar de acelerar a execución do plan de endebedamento anual, a mediado deste ano –último dato dispoñible- conseguiu ter un ratio débeda-PIB por debaixo da media española. Así, nun momento en que a débeda sobe en todas as administración, Galicia, que sempre respecta os límites autorizados polo Consejo de Política Fiscal y Financiera, presenta unha mellor posición comparativa.

As contas autonómicas reflicten un ano máis o seu compromiso coa dependencia, xa que os recursos que se destinarán a este ámbito social subirán en 2 millóns de euros, iso si, grazas a que a Xunta incrementa en 4,4 millóns de euros os seus fondos para contrarrestar a caída dos do Estado.

Este esforzo faise extensible ás universidade e aos concellos. Así, as universidades galegas recibirán en 2012 un total de 394 millóns de euros, 3,7 máis que o ano anterior. En canto aos concellos, a Xunta garántelles 115,3 millóns de euros, 2,3 máis, co que sumarán 66 millóns adicionais no que vai de lexislatura.

Por outra banda, os orzamentos de 2012 continuarán co liña fixada no Plan Estratéxico, cunha aposta por uno novo modelo produtivo, que se concreta en fortes incrementos en programas chave para acadalos. Así, o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento medra case un 10%; mentres que o de apoio á Modernidade, Internacionalización, Mellora da Competitividade e Produtividade Empresarial o fai case un 48%. 


Temas relacionados