Actualidade

[Nova2012]FEIJÓO: “ESTES ORZAMENTOS ASEGURAN A TODO RISCO AS PRESTACIÓNS DOS SERVIZOS SOCIAIS, MANTEÑEN A CAPACIDADE DE INVESTIMENTO, REFORZAN A ESTABILIDADE E A SOLVENCIA E AVANZAN NA AUSTERIDADE E NA EFICIENCIA A TRAVÉS DA CONTENCIÓN DO GASTO CORRENTE”

FEIJÓO: "ESTES ORZAMENTOS ASEGURAN A TODO RISCO AS PRESTACIÓNS DOS SERVIZOS SOCIAIS, MANTEÑEN A CAPACIDADE DE INVESTIMENTO, REFORZAN A ESTABILIDADE E A SOLVENCIA E AVANZAN NA AUSTERIDADE E NA EFICIENCIA A TRAVÉS DA CONTENCIÓN DO GASTO CORRENTE"

Santiago, 18 de outubro de 2011.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía, trala reunión extraordinaria do Consello da Xunta, na que se aprobou o Anteproxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, que estamos diante duns presupostos que "aseguran a todo risco as prestacións dos servizos sociais, adicando o 76% do seu presuposto ao Estado do Benestar; uns presupostos que, por primeira vez nesta lexislatura, manteñen a capacidade de investimento do exercicio anterior; reforzan a estabilidade e a solvencia da Comunidade, e avanzan na austeridade e na eficiencia a través da contención do gasto corrente".

 

"Galicia vai ter uns presupostos realistas, que van manter a solvencia da Comunidade Autónoma, que van manter os servizos públicos esenciais, que non supoñen unha diminución abrupta de ningunha parte do Estado do Benestar e que, ademais, conseguen manter a capacidade real de investimento que se executou no ano 2011", aseverou o responsable do Executivo galego.

 

Deste xeito, Feijóo afirmou que Galicia non vai quedar afectada pola falta de presupostos do Goberno de España "ou por nin sequera a prórroga dos presupostos do Goberno de España". "A pesar das dificultades e a pesar dos obstáculos imos seguir traballando", aseverou e lembrou que "soamente en 30 anos de democracia ocorreu isto". "Soamente no ano 1995, o Goberno de España deixou de facer os presupostos,

nin prorrogou os presupostos. En plena crise económica pensamos que este feito é dunha enorme gravidade, pero nós temos que traballar na situación na que estamos".

 

Prudencia e solvencia, as dúas regras que garanten o orzamento de 2012

O presidente da Xunta explicou as dúas regras que garanten o orzamento do ano 2012: a prudencia e a solvencia.

 

Así, precisou que o os presupostos do ano 2012 teñen sido elaborados cun dobre criterio de prudencia, atendendo a dúas incertezas: "non se coñecen con exactitude os ingresos que imos recibir o próximo ano vía orzamentos do Estado, dado que non existen os presupostos; e o cadro macroeconómico presentado polo Goberno de España ten sido rebaixado dunha forma substancial por todas as entidades públicas e privadas nacionais e internacionais".

 

En consecuencia, subliñou que os orzamentos teñen sido elaborados cun dobre criterio de prudencia, que ten dous efectos: "non esgotaremos o 100% o teito de gasto autorizado polo Parlamento; e, seguimos contraendo o gasto corrente para garantir o presuposto dos servizos públicos esenciais e para que, por primeira vez este ano, non siga baixando o investimento produtivo, o investimento real da Comunidade".

 

Feijóo lembrou que o Goberno galego "foi prudente no ano 2009, cando modificamos a mediados de ano os orzamentos herdados; e seguimos sendo prudentes no ano 2010 e no ano 2011, cando rebaixamos gradualmente o presuposto de gastos da Xunta nun 15%; e fomos prudentes ao tomar medidas necesarias co obxectivo de blindar a solvencia da comunidade autónoma".

 

No tocante ao principio da solvencia, afirmou que o obxectivo é elaborar uns orzamentos desde punto de vista da estabilidade orzamentaria "que teña como obxectivo permitir seguir pagando aos provedores e, en segundo lugar, contribuír a mellorar a situación presupostaria do país, é dicir, de España no seu conxunto".

 

"Galicia e o seu presuposto non vai ser un problema para a consolidación fiscal, non vai a ser un problema para o equilibrio das contas públicas estatais, non vai a ser un problema para incrementar o déficit público de España e non vai ser un problema para deixar de pagar aos provedores. Ao contrario, Galicia será un lugar seguro para os provedores e un lugar seguro para aqueles que queiran facer investimentos no ano 2012 na Comunidade", aseverou.

 

3 de cada 4 euros se destinan a políticas sociais

Grazas á redución progresiva nos orzamentos do ano 2009, no ano 2010 e no ano 2011, onde se rebaixou a capacidade de gasto da comunidade nun 15% aproximadamente en 1.500 millóns de euros menos, Galicia non se verá sometida a axustes abruptos no seu gasto no ano 2012.

 

"Galicia –explicou Feijóo- contará cunha capacidade de gasto similar á do ano 2011. E isto significa que garantimos todos os servizos públicos esenciais da educación, da sanidade, dos servizos sociais e, ademais, por primeira vez, deixa de baixar o presuposto produtivo, o presuposto de investimentos. Mantemos servizos públicos esenciais e o investimento produtivo rompe a tendencia de caída de anteriores anos, mantendo a capacidade produtiva efectiva do ano 2011 para o ano 2012".

 

Como consecuencia destas decisións, Feijóo salientou que tres de cada catro euros do orzamento se destinan a políticas sociais. "En tres anos aumentamos o peso das políticas sociais, sanidade, educación e servizos sociais en sete puntos no total do presuposto da Comunidade. Neste ano 2012, a sanidade, a educación e os servizos sociais consumirán o 76% do total do presuposto de Galicia. Nunca un gasto social tivo un peso tan elevado en ningún presuposto da Comunidade".

 

Así mesmo, o investimento produtivo do capítulo VI e capítulo VII mantense "para intentar paliar, na medida das posibilidades que temos, os efectos devastadores no emprego da crise económica".

 

Aumento dos presupostos dedicados á universidade e aos concellos galegos

Feijóo precisou tamén que os presupostos adicados á universidade e os presupostos adicados ás corporacións locais aumentan, de xeito que as universidades recibirán 3,7 millóns de euros máis que no ano 2011 e os concellos recibirán 115,3 millóns de euros, 2,3 máis. "É dicir, cando Galicia está baixando continua e constantemente o seu presuposto, as universidades e os concellos manteñen as súas capacidades e no ano 2012 a incrementan dunha forma sensible".

 

O presidente da Xunta subliñou que a prioridade de rigor e de realismo mantense no orzamento do ano 2012 e lembrou que no que vai de lexislatura o Goberno galego tivo que facer moitos esforzos por superar os obstáculos que houbo durante estes tres anos. "Obstáculos como a débeda de máis de 2.400 millóns de euros herdada como consecuencia dos orzamentos irreais do ano 2008 e 2009; obstáculos como consecuencia do incumprimento do financiamento autonómico que tivemos no ano 2011, cifrado en 800 millóns de euros; e obstáculos pola mala situación económica de España e pola baixada dos ingresos a través dos tributos".

 

"Este ano 2012 temos todos os obstáculos anteriormente citados e un obstáculo sen precedentes. O Goberno central nin aprobou os orzamentos, nin prorrogou os orzamentos do ano 2011 para o ano 2012, nin accedeu a convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira para falar realmente dos ingresos e, ademais, a situación do cadro macroeconómico anunciado polo Goberno de España para o ano 2012 non é nin realista nin rigoroso", reiterou.

 

Galicia, a única que cumpre con todos os requisitos relativos á consolidación fiscal

Por último, recordou que a comunidade galega é, neste momento, a única que cumpre con todos os requisitos da UE relativos á consolidación fiscal. "En primeiro lugar, fixemos un teito de gasto, anticipándonos ao resto das comunidades; en segundo lugar, por primeira vez en España, asumimos unha regra fiscal asociada ao ciclo económico, cando hai crecemento hai que diminuír débeda pública; en terceiro lugar, cumprimos co obxectivo da estabilidade orzamentaria no ano 2009 e no ano 2010, xunto coa comunidade de Madrid e, neste momento, a débeda pública de Galicia está por debaixo da débeda pública do resto das comunidades, da media das comunidades. E, por último, temos un Plan Estratéxico adaptado á estratexia da UE, 20-20".

 

Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, que explicou polo miúdo o contido dos presupostos, afirmou que estamos diante dun orzamentos "prudentes, solventes, que permiten manter o Estado do benestar e que estabilizan os investimentos". 


Temas relacionados