Actualidade

[Nova2014]OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2014 PERMITIRÁN CONSOLIDAR O CAMBIO DE TENDENCIA ECONÓMICA E DEDICARÁN CASE 8 DE CADA 10 EUROS A GASTO SOCIAL

OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2014 PERMITIRÁN CONSOLIDAR O CAMBIO DE TENDENCIA ECONÓMICA E DEDICARÁN CASE 8 DE CADA 10 EUROS A GASTO SOCIAL

Santiago, 16 de outubro de 2013.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de Orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2014, unhas contas que permitirán consolidar o cambio de tendencia económica e que serán as máis sociais da historia da Autonomía, xa que dedicarán case 8 de cada 10 euros a gasto social.

Por primeira vez dende que se iniciou a crise, Galicia recuperará taxas positivas de crecemento –un incremento do 0,8% do PIB autonómico, dúas décimas máis do previsto- e as compatibilizará cun descenso da taxa de desemprego, que se reducirá cinco décimas respecto ao estimado e baixará ata o 21,7%. Ademais, os Orzamentos para 2014 incluirán un incremento do Fondo de Crecemento, que medrará un 7% respecto ao presente exercicio.

Segundo detallou a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, o Goberno galego seguirá apostando polo gasto social e pola atención aos colectivos máis desfavorecidos. En 2014, case 8 de cada 10 euros irán destinados a sanidade, educación e servizos sociais, blindando un gasto social que se sitúa no 78% do total, case 10 puntos máis de peso en cinco anos.

No capítulo de gastos Galicia terá unha capacidade ao nivel dos anos 2005 e 2006, xa que o orzamento contará cun gasto non financeiro de 8.391 millóns de euros, similar ao teito de gasto de 8.456 millóns aprobado o pasado mes de agosto. A capacidade de gasto en 2014 será semellante á do presente exercicio e supón un lixeiro descenso de 89 millóns de euros respecto ao Orzamento de 2013.

Non obstante, Galicia crecerá en 2014 máis que o conxunto de España e seguirá tendo unha taxa de paro sensiblemente inferior. Ademais, a mellora do cadro macroeconómico irá acompañada do control do endebedamento –Galicia é a terceira comunidade que menos elevou a súa débeda dende que se iniciou a crise– e da redución do déficit, posto que estas contas permitirán cumprir o obxectivo do 1% do PIB fixado para 2014 e pactado no Consejo de Política Fiscal y Financiera.

Froito da xestión prudente, responsable e solvente iniciada na pasada lexislatura, Galicia presenta unhas cifras mellores que o seu entorno e en 2014 seguirá converxendo co resto de España, crecendo máis que a media e mantendo un diferencial positivo de paro de máis de catro puntos.

Ámbito fiscal

En materia fiscal o Goberno autonómico márcase para o vindeiro exercicio o triplo obxectivo de beneficiar aos que máis o necesitan, incentivar os sectores produtivos da economía galega e reforzar o gasto social na Comunidade.

Deste xeito, a Xunta aproba unha rebaixa do tramo máis baixo do IRPF que beneficiará a sete de cada dez contribuíntes, achegará máis progresividade e permitirá ter máis renda dispoñible aos que menos ingresos teñen. Con esta medida, Galicia converterase -xunto a Estremadura- na comunidade autónoma co tramo de IRPF máis baixo para as bases liquidables de ata 17.700 euros.

Ademais, o Goberno galego aumentará as deducións para favorecer a natalidade e a conciliación familiar e laboral. Tamén incentivará con deducións ao sector das enerxías renovables e facilitará o relevo xeracional nas empresas, elevando a un ano o período no que as persoas doadoras de empresas individuais, negocios profesionais ou participación de entidades deben deixar de exercer funcións de dirección, e a percepción de remuneracións polo exercicio das devanditas funcións.

Os orzamentos para 2014 inclúen igualmente un novo plan de loita contra a fraude fiscal, co que se prevén recadar 50 millóns de euros adicionais, e a equiparación á maioría de comunidades autónomas do imposto de Hidrocarburos, que se destinará exclusivamente a gasto sanitario. En todo caso, Galicia non penalizará ao sector do transporte, nin gravará os gasóleos especiais (pesqueiro e agrícola) nin o gasóleo de calefacción.

Máis gasto social

Pese a contar cunha capacidade de gasto ao nivel dos anos 2005 e 2006, Galicia reforzará o vindeiro ano as partidas de ámbito social e priorizará o gasto en sanidade, educación e servizos sociais, con especial atención ás persoas que máis o necesitan. Así, o gasto en dependencia superará os 278 millóns de euros –máis do dobre que en 2009-, mentres que tamén aumentan ás partidas para a Risga e os comedores escolares.

En canto ao investimento, a Xunta reforzará o Fondo de Crecemento dotándoo con 412 millóns de euros. Este instrumento contará cunha dotación un 7% superior á do presente exercicio e manterá o obxectivo de dinamizar e reactivar a economía.

Así, entre as súas liñas prioritarias estarán a dinamización económica, o crecemento e o emprego; a economía do coñecemento; a sostibilidade medioambiental e o equilibrio territorial; a cohesión social, o benestar e a calidade de vida; e unha administración máis austera, eficiente e próxima ao cidadán.

Concellos e universidades

O Executivo galego tamén manterá o esforzo de financiamento en áreas chave como os concellos. A administración local recibirá 113 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, o que supón manter a mesma contía que neste exercicio pese á menor dispoñibilidade de ingresos. De feito, os concellos acumulan un financiamento adicional de 84 millóns de euros dende 2010.

Respecto ás universidades, a Xunta realizará en 2014 un esforzo semellante ao presente ano e elevará a partida ata os 374,5 millóns de euros. As institucións universitarias seguen gañando peso no total de gasto da Administración galega e xa representan o 4,3% do orzamento, grazas a un esforzo sostido durante os últimos cinco orzamentos. En concreto, as tres universidades reciben 36,5 millóns de euros máis que en 2009.


Temas relacionados