Actualidade

[Nova2015]PRODUCIÓN, COMERCIALIZACIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN, GRANDES LIÑAS DE APOIO DOS ORZAMENTOS DE MEDIO RURAL E MAR PARA O 2015

PRODUCIÓN, COMERCIALIZACIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN, GRANDES LIÑAS DE APOIO DOS ORZAMENTOS DE MEDIO RURAL E MAR PARA O 2015

Santiago, 31 de outubro de 2014.- Promover a ampliación da capacidade produtiva dos nosos sectores primarios, avanzar na valorización comercial dos produtos e darlle un novo pulo á internacionalización da nosa produción. Estes son os tres grandes obxectivos dos orzamentos da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2015, segundo explicou a titular deste Departamento, Rosa Quintana, esta tarde no Parlamento.

A conselleira destacou tamén que estas contas consolidan a blindaxe do gasto que se pode denominar "social", na medida en que refire a cuestións como a seguridade alimentaria, a loita contra os incendios forestais e o salvamento e a loita contra a contaminación mariña.

A Consellería do Medio Rural e do Mar presenta un orzamento previsto para 2015 que acada os 569,7 millóns de euros, supoñendo un axuste inicial dun 2,3 % con respecto ao 2014, pero que –puntualizou a conselleira– vén causado, circunstancial e temporalmente, pola tardanza na incorporación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) atribuído a Galicia.

Así, tal e como explicou Rosa Quintana, "a contabilización dos 61,8 millóns de euros que deberíamos inserir no orzamento de 2015 procedentes deste fondo previsto inicialmente para o período 2014-2020 faría que a variación porcentual 2014-2015 pasase de negativo a unha porcentaxe positiva do 8,3 %".

En canto ao primeiro dos tres grandes obxectivos dos orzamentos –promover a ampliación da capacidade produtiva–, a conselleira explicou que malia as dificultades económicas, mantense o elevado nivel orzamentario para accións vinculadas coa industrialización e a comercialización dos produtos agroalimentarios, case 30 millóns de euros, co que isto significa para a xeración de riqueza e emprego.

O mesmo ocorre con todas as partidas do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), cofinanciadas con fondos Feader, tanto coas que serven para financiar investimentos nas industrias agroalimentarias (por riba de 19 millóns de euros) coma coas forestais (1,5 millóns de euros).

Con respecto ao segundo obxectivo destes orzamentos, centrado en avanzar na valorización comercial dos produtos, Rosa Quintana sinalou que "dispuxemos a mantenza das axudas ligadas aos produtos de calidade, ben sexa para a súa promoción (2,4 millóns de euros), ben para apoiar aos produtores que participan neles (900.000 euros)". Tamén, na área de mar "procederemos a reforzar as actividades de promoción e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura tras a incorporación das contías do novo FEMP", dixo a conselleira.

En relación co terceiro gran obxectivo das contas da Consellería –avanzar de novo na internacionalización da nosa produción–, Rosa Quintana salientou o orzamento previsto para investimentos en adegas e para promoción do viño en terceiros países, con partidas que se manteñen en conxunto no mesmo nivel que en 2014 (5,5 millóns de euros).

A maiores, a conselleira afirmou que "continuaremos dando un papel preponderante ao noso monte e ao seu aproveitamento multifuncional". Para tal fin increméntanse as accións directas en mellora silvícola nun 60% e de loita contra as pragas e enfermidades forestais nun 72%, ao tempo que se manteñen as axudas para forestación, silvicultura e microempresas forestais.

Tamén se referiu Rosa Quintana ao avance na "consolidación das potencialidades das nosas estruturas portuarias como elementos de impulso da competitividade das empresas marítimo-pesqueiras", dando a coñecer diferentes actuacións previstas, como a mellora do abrigo de Burela, a pavimentación da explanada comercial do porto de Brens ou as actuacións de ampliación do abrigo ou drenaxe en Foz, Laxe e Noia, entre outras.

Blindaxe social
Como segundo gran piar dos orzamentos –ademais do relativo á parte produtiva–, a conselleira fixo especial fincapé na "blindaxe do gasto que poderíamos denominar social e que nos leva a falar de cuestións como a seguridade alimentaria, a loita contra os incendios forestais e o salvamento e a loita contra a contaminación no mar".

En relación con isto, Rosa Quintana destacou a blindaxe do financiamento do operativo de extinción de lumes e mesmo incrementando de 2 a 12 millóns de euros as partidas para compras de camións de extinción.

Na área de mar –salientou tamén a conselleira– blíndase o servizo de rescate e loita contra o furtivismo e a contaminación mariña mantendo o servizo dos helicópteros e as distintas embarcacións destinadas a este fin, alén de permitir a disposición de 22 novos axentes que reforzarán o corpo do servizo de Gardacostas.

No eido do control da cadea alimentaria, a titular de Medio Rural e Mar puxo de manifesto que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) aumenta o importe total do seu orzamento nun 4,4% respecto ao 2014. Isto é posible entre outras cousas porque este organismo aumentou os ingresos previstos por liquidación de taxas e outros conceptos case nun 50% respecto dos do ano 2014, por mor das xestións levadas a cabo por este centro na procura de contratos de ensaio e convenios de colaboración.

A conselleira tamén se referiu á dinamización socioeconómica vinculada á diversificación da produción e do emprego e á promoción de medidas para dar un maior pulo ao medio rural e costeiro non urbano, vinculados ambos a dúas vías de traballo. Por un lado, a través dos fondos asignados ao programa Leader, cuxo gasto público previsto para o ano 2015 ascende a un total de 23,4 millóns de euros. Con eles darase continuidade á senda de produtividade que esta liña deixou no período 2007-2013, cando permitiu desenvolver 702 proxectos no rural que consolidaron ou crearon máis de 2.400 empregos.

Por outra banda, unha segunda liña de traballo neste ámbito ven dada polos Grupos de Acción Costeira. Neste caso os fondos atribuídos no novo período 2014-2020 marcado polo FEMP incrementaranse de forma substancial, incluso en máis do 50%, para proseguir a liña dos 426 proxectos iniciados no período 2007-2013 por estes grupos.


Temas relacionados