Actualidade

MAR CONTARÁ NO 2017 CUN ORZAMENTO DE MÁIS DE 142 MILLÓNS DE EUROS E DESTINARÁ DIRECTAMENTE O 65% AOS SECTORES PRODUTIVOS E AO DESENVOLEMENTO EMPRESARIAL

MAR CONTARÁ NO 2017 CUN ORZAMENTO DE MÁIS DE 142 MILLÓNS DE EUROS E DESTINARÁ DIRECTAMENTE O 65% AOS SECTORES PRODUTIVOS E AO DESENVOLEMENTO EMPRESARIAL

Santiago, 16 de decembro de 2016.- O orzamento da Consellería do Mar para o 2017 será de máis de 142 millóns de euros, un 10% superior que o deste ano. Del o 65% destinarase á regulación económica de sectores produtivos e ao desenvolvemento empresarial, unha cifra que referenda "a concentración de esforzos a prol do sector e do apoio económico cara el".

Así o explicou hoxe no Parlamento a conselleira do Mar, Rosa Quintana, onde engadiu que este esforzo tamén se reflicte nas maiores subidas deste orzamento nos programas destinados a manter a competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura, ao que se destinan máis de 60 millóns de euros. Ademais os fondos de desenvolvemento sustentable das zonas de pesca medrarán nun 60% en relación a este ano acadando unha cifra de preto de 15 millóns de euros.

Ademais, a través deste orzamento, explicou Rosa Quintana, a Consellería do Mar contempla diferentes apostas, unhas en termos de montante económico e de reforzo e outras novas. Tamén inclúe áreas blindadas, engadiu.

En relación ás apostas económicas, Rosa Quintana, destacou tres fundamentais para "potenciar a competitividade e a sostibilidade". A primeira é a da mellora da valorización dos produtos da pesca e da acuicultura mediante a transformación, que contará con preto de 15 millóns, 5 máis que o ano pasado.

A segunda liña de aposta é o aproveitamento da potencialidade produtiva, especialmente no eido do marisqueo e da acuicultura e o seu máximo expoñente, o mexillón. Así, destinaranse 24 millóns de euros ao crecemento da produción do mexillón, arredor de 6 millóns de euros máis en relación a este ano. No marisqueo, explicou, reforzarase a reinstalación dos moluscos bivalvos, que contará con preto de 3 millóns de euros, e destinaranse máis de 5 millóns de euros para a conservación, avaliación e xestión das zonas de produción.

A terceira aposta é a dinamización económica e laboral vinculada ao mar. Para iso, expuxo a titular de Mar, as partidas no eido da formación medrarán en case un 5% e acadarán case os 9 millóns de euros e as destinadas aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) medrarán en máis dun 65%, contando con máis de 13 millóns de euros. Ademais, no eido da investigación, incorpórase unha nova partida de 50.000 euros para fomentar a asociación entre investigadores e pescadores.  

Novas apostas

A estas apostas Rosa Quintana engadiu outras tres novas. Unha delas é a de "substituír os despezamentos de frota por incorporacións ao mar", indicou. Por iso se rebaixarán nun 64% os fondos destinados á paralización definitiva e se aumentarán os de formación a bordo. Ademais, sinalou, manteranse os fondos de axudas para compra de barcos por parte de mozos.

Un exemplo desta aposta que destacou Rosa Quintana é o Plan de Acción de Desenvolvemento, Competitividade e Sostibilidade da pesca costeira artesanal de Galicia. A través del executaranse medidas "dirixidas a multiplicar o emprego e formación a bordo, a mellorar a comercialización e a reactivar as instalacións de produción de semente de bivalvos".

Outra liña "pasa por incrementar os fondos destinados ao sector bateeiro e ao marisqueo por vía da aplicación de fondos acuícolas", dixo. De aí, sinalou, que nos 24 millóns de euros para a produción do mexillón se contemplen aspectos como o plan de modernización de bateas e a intención de reactivar a produción propia de semente de bivalvos.

A terceira é a de ampliar a aposta polas estruturas portuarias "logo de pasar por estreiteces e de cumprir coas necesidades básicas", especificou Rosa Quintana. Neste sentido, destinaranse máis de 5 millóns de euros aos equipamentos portuarios, o que supera en máis dun millón á cifra deste ano. Ademais, os fondos destinados a investimentos de Portos de Galicia "medran ata preto dos 7 millóns de euros, permitindo abordar novos proxectos".

Áreas blindadas

Por outra banda, a titular de Mar explicou que o orzamento contempla áreas blindadas, que son a seguridade no mar e a loita contra a contaminación, a seguridade alimentaria e o apoio á competitividade vinculada ao sector marítimo-pesqueiro. Estas tarefas correspóndense cos entes de Gardacostas, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), respectivamente. Así Gardacostas manterá unhas cifras semellantes no seu orzamento, con 14 millóns de euros, e verá referendados os fondos para control e execución da modernización e compra de embarcacións.

O Intecmar tamén manterá unha cifra semellante con preto de 3 millóns de euros, variando un pouco en relación á deste ano debido a que para a anualidade 2017 se necesitan menos medios novos de análise. Pola súa banda, o Cetmar prevé incrementar o seu orzamento en preto dun 13%, superando os 4 millóns de euros.

En termos globais sinalou que o orzamento da Consellería do Mar "é o que máis sube de todos os que conforman a Xunta e triplica a suba media do orzamento global que terá o goberno autonómico para 2017".


Temas relacionados