Actualidade

O ORZAMENTO DE MEDIO RURAL CRECE UN 3% E APOSTA POLA REESTRUTURACIÓN DA TERRA, A CALIDADE ALIMENTARIA E POR FIXAR POBOACIÓN

O ORZAMENTO DE MEDIO RURAL CRECE UN 3% E APOSTA POLA REESTRUTURACIÓN DA TERRA, A CALIDADE ALIMENTARIA E POR FIXAR POBOACIÓN

Santiago, 16 de decembro de 2016.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou hoxe no Parlamento os orzamentos do seu departamento para 2017, que ascenden a un total de 518.559.629 euros, 15 millóns de euros máis que no exercicio de 2016. As contas de Medio Rural medran en conxunto un 2,99% respecto ao exercicio anterior, lixeiramente por riba do incremento total que rexistra o orzamento da Xunta de Galicia. Isto significa –segundo destacou Ángeles Vázquez– que en dous anos a Consellería dispón de 37 millóns máis para destinar ao agro galego ou, o que é o mesmo, un 7,7% máis que en 2015.

A conselleira explicou que as políticas da Xunta para o medio rural galego pivotan sobre tres piares fundamentais, como son a terra, é dicir, a base territorial e posta en valor dos recursos; a transformación, para acadar maior valor engadido e a poboación, especialmente centrada no fomento da incorporación de mozos, e onde a formación é fundamental.

A partires destas premisas, os orzamentos de Medio Rural enmárcanse no contexto xeral das contas da comunidade autónoma, que teñen por segundo ano consecutivo un carácter expansivo. De feito, tal como salientou Ángeles Vázquez, rexístrase un incremento nas tres direccións xerais nas que se estrutura a Consellería.

Así, o presuposto da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal increméntase un 0,4% respecto a 2016, pero cómpre ter en conta que sufrira xa un aumento do 10,7% no orzamento de 2016, co que en dous anos o crecemento supera o 11%.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias crece un 5,8%; é dicir, en dous anos o incremento sitúase nun 10%, pasando de 212,3 millóns de euros a 233,5. Por último, e no que respecta á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, o orzamento aumenta un 7,58%.

A conselleira debullou estes datos e concretou os principais avances nos eidos da reestruturación da propiedade, por un lado, e no relativo ao fomento da industrialización, a comercialización e a promoción da calidade alimentaria e do consumo dos produtos do agro galego, por outro. En relación con estes últimos, explicou que nos orzamentos consígnase un notable incremento en tres partidas concretas.

Por unha banda, de xeito destacado, un incremento de case o 47% no orzamento destinando a financiar as axudas para os investimentos en instalacións industriais co fin de mellorar as condicións de transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios, ou o que é o mesmo, 6,7 millóns de euros máis que en 2016.

Por outra parte, unha suba de preto do 35% sobre o orzamento en 2016 (que xa sufrira un incremento do 15% sobre o ano anterior) para abordar as accións de promoción que executa directamente a Consellería do Medio Rural, como asistencia a feiras e organización de diferentes eventos, caso das catas dos viños, augardentes, queixos e meles, etc. En terceiro lugar, o incremento superior ao 32% na partida que financia as actividades de promoción dos produtos de calidade realizadas por consellos reguladores ou asociacións.

Agacal

En materia de investigación, a conselleira destacou a creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), que agrupará os centros investigadores e que vai ser, dixo, un fito fundamental e unha das apostas máis importantes da Xunta nesta materia. Así, subliñou que servirá para impulsar liñas específicas orientadas aos produtos galegos de calidade diferenciada e a posta en marcha de novas explotacións ligadas ao banco de terras para amplos territorios actualmente infrautilizados e con orientación a producións forraxeiras de cereal, castaña, froiteiros de pebida e pequenos froitos.

No eido da formación, Ángeles Vázquez indicou que se van potenciar as actuacións dos diversos centros dependentes da Consellería, reforzando ao tempo as liñas de colaboración coas asociacións de produtores, empresas, centros tecnolóxicos, universidades e outras entidades.

Reestruturación da propiedade

Sobre a reestruturación da propiedade, a conselleira dixo que estes procesos teñen unha gran importancia para os sectores lácteo e cárnico, xa que contribúen de xeito decisivo a mellorar as condicións estruturais das explotacións e a súa base territorial, algo clave para dotalas de maior competitividade. Por iso, advertiu que nestes próximos catro anos destinaranse arredor de 80 millóns de euros para pórlle fin ás 130 concentracións parcelarias abertas e que afectan a unhas 117 mil hectáreas e preto de 92 mil propietarios. Desta dotación, para o 2017 hai previstos 28,5 millóns de euros de investimento, case un 29% máis que no exercicio anterior e preto de 6,5 millóns máis que en 2016.

Ángeles Vázquez vinculou estas medidas, en materia de infraestruturas no rural, co desenvolvemento real das explotacións gandeiras e, nesta liña, destacou os 21 millóns de euros que o orzamento de 2017 contempla en axudas para modernización e mellora das granxas, así como os 20 millóns para a instalación de agricultores mozos (increméntanse nun 23,5%, co fin de seguir impulsando a remuda xeracional no agro) e tamén os 2 millóns para a posta en marcha de pequenas explotacións.

A conselleira vinculou estas cifras co Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que comezou a súa andaina con 1.186,4 millóns de euros de gasto público total. E dixo que, tal como establece o PDR, a Xunta promove un desenvolvemento rural endóxeno e participativo no que teñen un papel destacado os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), que entrarán a funcionar, a pleno rendemento, no 2017. Lembrou, neste mesmo sentido, que cos proxectos desenvolvidos ao abeiro do Plan Leader no anterior período de programación consolidáronse arredor de 4.000 postos de traballo e creáronse en torno a 1.000 novos empregos. As previsións para este novo período céntranse en acadar, cando menos, as mesmas cifras de emprego no rural galego, con outros 1.000 postos de traballo máis.

Ángeles Vázquez falou tamén na súa intervención das axudas da PAC e salientou o adianto do pagamento dos anticipos destas axudas, que xa chegaron a preto de 26.000 beneficiarios galegos, por un importe conxunto de 102,8 millóns de euros. Neste mesmo eido, a conselleira destacou o crecemento dun 14% das axudas destinadas á apoiar a agricultura ecolóxica, así como o incremento das achegas para a xestión sustentable de pastos e de extensificación de vacún de leite, que medran un 56,2 e un 57,6%, ata 9,4 e 4,3 millóns de euros, respectivamente.

Sanidade animal

A titular de Medio Rural referiuse tamén ao importante papel que desempeñan a sanidade e o benestar animal na viabilidade e rendibilidade das explotacións e, neste sentido, apuntou o incremento dun 6,1% nos orzamentos da Subdirección Xeral de Gandaría.

Este aumento vai permitir manter o investimento destinado á mellora xenética do frisón de Galicia, co fin de continuar reforzando o lácteo. Tamén se incrementa a partida das axudas ás Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG). En termos semellantes, aumenta un 15,5% (ata 1,7 millóns) a partida orzamentaria destinada á dotación dos laboratorios de sanidade animal e medra tamén un 8,88% o presuposto para os programas sanitarios, chegando aos 8,9 millóns de euros. Todo este esforzo propiciará, por exemplo, que no mes de xaneiro de 2017 se tramite ante a Unión Europea a declaración de Galicia como rexión oficialmente indemne de brucelose bovina, despois de seis anos sen terse confirmado esta doenza na nosa comunidade e tras cinco anos manténdose Galicia con máis do 99% das explotacións cualificadas sanitariamente.

Forestal

En relación co ámbito forestal, como resumo do orzamento, a titular de Medio Rural apuntou que se destinarán máis de 49 millóns de euros á valorización do monte. A maiores, outros 21 millóns de euros serán para prevención (fomento de traballos como talas e outras tarefas silvícolas) e 31 millóns máis para a extinción de incendios.

A conselleira puxo en valor as grandes cifras do sector forestal galego, lembrando por exemplo que as cortas de madeira incrementáronse un 14% en 2015 respecto ao ano anterior, o que permitiu que 80.000 familias galegas recibiran preto de 300 millóns de euros por este concepto. Todo isto, engadiu, nun contexto de 3.000 empresas e duns 70.000 postos de traballo. Por iso, segundo sinalou, parece lóxico que a preservación deste medio sexa primordial para Galicia, tanto desde unha perspectiva económica como ambiental. E un piar fundamental desta protección é o referido á prevención e extinción dos incendios forestais, á que –sinalou– se vai destinar practicamente a mesma cantidade que no 2016, cun lixeiro incremento do 0,34%.

En relación con este mesmo asunto, a conselleira recoñeceu, unha vez máis, o excelente traballo desenvolvido ao longo de 2016 por todo o operativo de defensa e extinción de lumes. Sinalou que este recoñecemento plasmouse en varios avances, caso da consideración dos traballadores do servizo de prevención e defensa contra incendios como bombeiros forestais, a cobertura case na súa totalidade das vacantes neste servizo ou o compromiso de que os fixos-discontinuos de 3 meses poidan optar tamén ás vacantes sen que perigue o seu posto de traballo.

A conselleira destacou tamén que, ao igual que en exercicios anteriores, as dúas terceiras partes dos orzamentos do capítulo seis, en total 8,25 millóns de euros, destinaranse a financiar traballos preventivos nos montes (control de pragas e enfermidades, ordenación de montes, sistemas silvopastorís ou infraestruturas forestais preventivas). E que se dará continuidade á xestión das axudas para silvicultura, forestación, sistemas agroforestais (castiñeiro para froito) e investimentos en empresas forestais.


Temas relacionados