Actualidade

OS ORZAMENTOS DA VICEPRESIDENCIA PARA 2017 INCREMENTAN AS PARTIDAS EN XUSTIZA E NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

OS ORZAMENTOS DA VICEPRESIDENCIA PARA 2017 INCREMENTAN AS PARTIDAS EN XUSTIZA E NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Santiago, 15 de decembro de 2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais do orzamento do seu departamento para 2017, onde destacou que as contas do vindeiro ano refrendan e intensifican a aposta polos servizos públicos esenciais que presta, como a xustiza e a loita contra a violencia de xénero.

Alfonso Rueda explicou na Cámara galega que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza xestionará no ano 2017 un presuposto no que tres cuartas partes dos fondos destínanse a servizos públicos esenciais como son a xustiza, as emerxencias, a igualdade, a loita contra a violencia machista, o apoio á prestación dos servizos locais ou a cooperación ao desenvolvemento.

Rueda incidiu que para o ano que vén a Xustiza galega contará co orzamento máis elevado na historia da autonomía para esta materia, cun incremento de 6,3 millóns de euros. Entre as claves deste orzamento hai que destacar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, que contempla no ano 2017 a finalización da rehabilitación da Fábrica de Tabacos da Coruña, cun investimento que supera os 16 millóns de euros; a execución da obra do novo edificio xudicial de Pontevedra con 19,5 millóns de orzamento total; e a licitación e adxudicación dos contratos da Cidade da Xustiza de Vigo, que concentrará a actividade xudicial viguesa no antigo Hospital Xeral, e contará cun investimento de máis de 25 millóns. A maiores, consignase o orzamento para a construción dun edificio xudicial en Tui, cunha inversión de 2,2 millóns de euros.

Mantendo a liña de melloras nas infraestruturas xudiciais galegas, incrementase a partida do Plan de Eficiencia Enerxética nos xulgados, con 3,6 millóns de investimento entre 2016- 2018. Reforzarse tamén con 1,3 millóns de euros os fondos para recursos humanos no eido xudicial, con máis reforzos nos xulgados galegos, con 24 prazas de persoal administrativo para os 3 novos órganos xudiciais que se porán en marcha e resérvanse fondos por se o Ministerio de Xustiza decidise crear máis; crearanse un total de 4 novas prazas no corpo de médicos forense; e consolidaranse 7 novos equipos psicosociais no Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA).

Melloras nas dependencias administrativas da Xunta

Seguindo a liña de mellora nas infraestruturas xudiciais, a Vicepresidencia levará a cabo despois de 30 anos a reforma do complexo de San Caetano, apostando por espazos máis funcionais, mellor dimensionados e máis eficientes dende o punto de vista ambiental.

Así, xunto ao novo edificio proxectado para albergar novas unidades administrativas e o servizo de escola infantil nas dependencias da actual estación de autobuses, en 2017 iniciarase un ambicioso proxecto de rehabilitación integral do complexo de San Caetano, cun investimento de 6,4 millóns de euros en dous anos que permitirá mellorar o edificio onde traballan preto de 2.000 persoas e o visitan un promedio de 500 persoas  diariamente para realizar as súas xestións coa administración.

En paralelo, darase continuidade ás actuacións xa iniciadas para a mellora da eficiencia enerxética no conxunto de edificios administrativos, con 4,7 millóns de euros para mellorar o illamento e climatización dos espazos de traballo, mediante a substitución das caldeiras de gasóleo por biomasa e a instalación de iluminación LED.

Compromiso coa loita contra a violencia de xénero

En canto á Igualdade, o ámbito da violencia de xénero vaise ver reforzado a todos os niveis, e a partida orzamentaria destinada contra esta lacra ascende a 5,2 millóns de euros, sendo a partida que experimenta o maior crecemento en 2017. Esta subida destínase maioritariamente ás axudas ás vítimas de violencia de xénero, que supoñen 3,4 millóns de euros, e concretamente as axudas periódicas que reciben as vítimas ascenden en máis dun 61 por cento, ademais o prazo de solicitude para estas axudas manterase aberto todo o ano e inclúe ás mulleres vítimas da trata con fins de explotación sexual.

Por outra banda, incrementase o apoio para a atención psicolóxica especializada ás vítimas de violencia de xénero nun 23,12 por cento, cun orzamento que acada preto dos 240.000 euros para os programas destinados a mulleres e menores vítimas, ás persoas do seu ámbito familiar que padezan a situación e a homes con problemas de control da violencia na familia. Ademais, a Vicepresidencia seguirá colaborando coas entidades sen ánimo de lucro que axudan ás mulleres vítimas de explotación sexual, co mantemento do CRI e a rede de CIMs, contribuíndo co funcionamento das casas de acollida e investindo 650.000 euros no programa de inserción laboral ás vítimas. E mantéñense as partidas para conciliación e corresponsabilidade ou para promoción da igualdade nos concellos. Tamén se destina unha unha partida específica de apoio á actividade desenvolvida polo movemento asociativo LGTBI.

En aras de seguir promovendo a Igualdade efectiva entre mulleres e homes, a comezos do ano 2017 presentarase o VII Plan de Igualdade, coma folla de ruta para os vindeiros anos na loita pola igualdade, e seguirase implantando nas aulas galegas o I Plan Galego de Educación en Igualdade e proximamente será aprobado o Plan Galego de Muller e Ciencia.

Posta en marcha do Centro Integral de Emerxencias 112

Nos primeiros meses do 2017 entrará en funcionamento na Estrada o Centro Integral de Atención ás Emerxencias 112 (CIAE 112), despois dun investimento de máis de 12 millóns de euros e cunha dotación que o converterá nun centro pioneiro a nivel estatal na xestión das emerxencias, contando cunhas instalacións modernas, dotadas da última tecnoloxía e das máis punteiras de toda España tanto técnica como operativamente, cun sistemas e subministros tecnolóxicos do máis alto nivel.

Na cooperación das emerxencias, seguirase apostando polo proxecto Ariem 112, recoñecido como mellor proxecto de Cooperación Internacional en materia de emerxencias da Asociación Europea do Número Único de Emerxencias (EENA), polo que dende o Goberno galego, en previsión cos socios do Ariem, porase en marcha o proxecto ARIEM +, para a cooperación transfronteiriza en emerxencias.

Incrementaranse a contribución económica para o funcionamento dos consorcios provinciais de bombeiros, e seguirase contribuíndo ao funcionamento dos GES e complementarase a dotación de equipos ás agrupacións de voluntarios de protección civil, con 1 millón de euros máis, tralos 8,2 millóns de euros que se investiron ara a renovación e mellora do seu equipamento que se levou a cabo nos últimos dous anos.

Apoio ás entidades locais

Precisamente, o apoio aos entes locais é outro dos puntais das contas públicas da Xunta en 2017, que incrementa do Fondo de Cooperación Local (FCL), en 3,6 millóns de euros ata acadar os 119,8 millóns de dotación para 2017, reservando 2 millóns de euros para o fomento das fusións, e blindando partidas como o Fondo de Compensación Ambiental e o financiamento dos convenios dos GES.


Temas relacionados