Actualidade

[Nova2018] O SECTOR FORESTAL GALEGO DISPORÁ DE 200 MILLÓNS DE EUROS NO 2018, DOS QUE 180 IRÁN DESTINADOS A VALORIZACIÓN, PREVENCIÓN E DEFENSA DOS MONTES

O SECTOR FORESTAL GALEGO DISPORÁ DE 200 MILLÓNS DE EUROS NO 2018, DOS QUE 180 IRÁN DESTINADOS A VALORIZACIÓN, PREVENCIÓN E DEFENSA DOS MONTES

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, explicou hoxe no Parlamento as contas do seu departamento para o ano 2018 nas que destacan os 200 millóns de euros que hai reservados para o sector forestal. Deles, 180 millóns irán destinados a valoración, prevención e defensa dos montes, o que significa un incremento duns 6 millóns respecto ao presente exercicio.

"Galicia ten unha vocación claramente forestal, superando o 68% do territorio e preto do 30% da poboación galega está vinculada a monte a través da industria da madeira", sinalou a conselleira, que lembrou que a nosa comunidade é a novena potencia forestal europea e que o 50% da madeira que se corta en España procede dos nosos montes.

Precisamente por ese motivo, a Consellería do Medio Rural está co sector. Ángeles Vázquez explicou que neste momento xa están mobilizados 8 millóns de euros para iniciar a execución dunha serie de propostas nos distritos forestais de Galicia, encamiñadas a melloras estruturais preventivas como infraestruturas forestais, puntos de auga, tratamentos silvícolas preventivos, recuperación de pastizais, cortalumes e camiños de acceso, que axudan ao mantemento do monte.

Neste sentido, a titular de Medio Rural lembrou tamén que xa están a disposición de 422 propietarios forestais dende setembro deste ano 11,2 millóns de euros para o incremento da capacidade de adaptación e do valor medioambiental dos ecosistemas forestais e para accións silvícolas de prevención, co fin de que o territorio estea preparado de cara á campaña de verán de 2018.

De feito, Ángeles Vázquez insistiu en que, de novo, o orzamento da consellería para 2018 aposta pola prevención e valorización do monte e, como proba, enumerou as ordes de axudas que hai comprometidas para conseguir este obxectivo: para tratamentos silvícolas preventivos (4,1 M€), para o control e loita integrada fronte a pragas e enfermidades (4 M€), para accións silvícolas (13 M€), para a forestación (11 m€), para investimentos en tecnoloxías forestais (6,4 M€) e para a constitución de novas Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) (0,5 M€).

Así mesmo, destacou os convenios de colaboración que se asinan cos concellos por valor de preto de 33 millóns de euros a desenvolver nos anos 2016, 2017 e 2018 (a razón de 11 millóns por exercicio), así como a financiación dos GES, que tamén se mantén de cara ao 2018.

Planificación do monte
Respecto á planificación e ordenación do monte, será un dos obxectivos prioritarios para os vindeiros anos e, de feito, como novidade a Xunta poñerá a disposición dos propietarios 4 millóns de euros para a realización de instrumentos de ordenación e xestión forestal en dúas anualidades, así como outros 500.000 euros para que as comunidades de montes veciñais clarifiquen os seus lindes.

Respecto á revisión do plan forestal, Ángeles Vázquez sinalou que se porá a exposición pública con carácter inminente, de xeito que se abrirá á cidadanía para facelo participativo e que todos os sectores poidan facer as súas aportacións.

Incremento do 4% no orzamento
Os case 500 millóns de euros (495.473.742 euros) dos que a Consellería do Medio Rural disporá en 2018, permitirán desenvolver o rural dende todos os ámbitos. Trátase duns orzamentos expansivos ao incrementarse nun 4% respecto ao presente exercicio, un 7% respecto a 2016 e un 11% máis que no 2015.

No ámbito agroalimentario, ademais de aludir ás axudas de modernización (que medran un 30%), incorporación de mozos, e pequenas empresas; a conselleira destacou o bo momento que empeza a vivir o lácteo. "O 2017 foi o despegue deste sector, primeiro co asentamento e posterior incremento do prezo, así como o interese que esperta na industria", sinalou, facendo alusión á que está destinada a ser a "maior empresa láctea de transformación en Europa en volume de leite procesado" e que xa ten comezado as súas obras de instalación en Curtis.

E para seguir avanzando no ámbito agroalimentario destacan tamén as axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios que se incrementan un 40% chegando case a 30 millóns de euros.

Mobilización de terras
Outro dos grandes obxectivos deste departamento pasa por reducir o abandono de terras e poñelas a producir, por iso dispón dun plan de mobilización de terreos agrarios que xa botou a andar este ano e nel se seguirá traballando no 2018. Ángeles Vázquez falou de actuacións de recuperación de soutos tradicionais de castaña no concello de Folgoso do Courel, de praderías na comarca de Ancares, terras para produción de pasto no concello de Sober, terras para produción de viñedo ou pequenos froitos nas zonas vitícolas de Ourense, terras para produción de pemento en Arnoia e o proxecto de recuperación de terras afectadas por lumes en Cualedro e Oímbra.


Temas relacionados