O Conselleiro

Un ano máis, Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas que presenta os seus Orzamentos, unhas contas que en 2018 terán como prioridade consolidar e reforzar a recuperación económica para que esta chegue o antes posible a todos os fogares. Para acadar isto, a Administración galega contará o vindeiro ano con preto de 9.500 millóns de euros, o que supón un incremento de máis de mil millóns de euros en comparación cos recursos que tiñamos nos peores momentos da crise.

A nosa prioridade no deseño das contas foi acadar unha recuperación económica integradora, que mellore a calidade de vida de toda a cidadanía pero que, ao mesmo tempo, dote de novas oportunidades ás persoas que non as tiveron no pasado. Por iso, queremos compatibilizar o reforzo continuo do gasto nas persoas cunha maior aposta en investimentos, para construírmos o noso futuro con bases máis sólidas. Uns investimentos que medran máis que a media grazas á redución do déficit e do endebedamento.

Somos conscientes de que acadar un crecemento integrador implica redobrar os esforzos no eido social. Os Orzamentos para 2018 inclúen unha importante ampliación do sistema de atención á dependencia, así como un aumento dos investimentos na política social, e na sanidade e educación públicas. E tamén consolidamos o esforzo realizado ata agora no eido da inclusión social, porque é a nosa obriga atender aos fogares aos que aínda non chegou a recuperación.

Ao mesmo tempo, a Xunta manterá a aposta decidida por un emprego de calidade. Na nosa folla de ruta, o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020,  fixamos como un dos obxectivos prioritarios crear 100.000 postos de traballo ata o final da década. Recoñezo que foi un obxectivo ambicioso, pero os datos indican que imos polo bo camiño e neste 2018 aspiramos a continuar na senda de crear máis e mellores empregos, sen esquecer a colectivos sensibles como a mocidade ou os parados de longa duración.

Na mellora do mercado laboral vai ser clave o incremento dos investimentos. Galicia é unha das comunidades que vén facendo maior esforzo investidor nos últimos anos, e o vindeiro ano continuaremos por esta senda. Isto vainos permitir impulsar novas infraestruturas viarias, mellorar os nosos centros sanitarios, de ensino e xudiciais, e recuperar edificios administrativos para que sexan espazos públicos para o cidadán.

Para rematar, quero resaltar que a Xunta manterá as importantes baixadas de impostos aprobadas nos dous últimos anos. Neste tempo, conseguimos suprimir na práctica o imposto sobre sucesións, baixamos o IRPF ao 98,5% dos contribuíntes e puxemos en marcha un programa de impostos ‘cero' no rural. E en 2018, entrarán en vigor novos incentivos fiscais para dinamizar a actividade económica no medio rural e nos cascos históricos, así como a adquisición de solo industrial ás administracións.

En definitiva, uns Orzamentos que apostan por impulsar en 2018 o investimento, a innovación, o emprego de máis calidade e o gasto nas persoas. Unhas contas que permitirán fortalecer un crecemento en estabilidade.

Valeriano Martínez
Conselleiro de Facenda

Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2014
  • Ir a presentación Orzamentos 2014
  • Ir a presentación Orzamentos 2014