Imposto sobre Actos Xurídicos Documentados

O Imposto sobre Actos Xurídicos Documentados grava os seguintes tipos de documentos en canto que reúnen certas características citadas na norma:

  • documentos notariais
  • documentos mercantís
  • documentos administrativos

Dada a gran variedade deste imposto, e tendo en conta que algunhas modalidades se pagan mediante efectos timbrados, polo que xeralmente non ocasionan dúbidas xestoras, e noutras existen intermediarios que asumen os labores de xestión, referirémonos aos supostos que máis afectan aos contribuíntes individuais, polo tanto soamente tratarémo-la modalidade de documentos notariais no que se refire á súa cota variable.

1. ¿QUEN TEN OBRIGA DE DECLARA-LO IMPOSTO? (art. 21), (art. 30) e (art. 31 L)

Estarían obrigados a presentar declaración por este imposto:

  1. os adquirentes de bens ou dereitos que documenten as súas adquisicións en documentos notariais.
  2. as persoas que insten ou soliciten documentos notariais.
  3. as persoas no interese das cales se expidan os documentos notariais.

sempre e cando o documento cumpra tódolos seguintes requisitos: 

  1. se trate de primeiras copias de escrituras e actas notariais.
  2. teña por obxecto cantidade ou cosa valuable.
  3. conteña actos ou contratos inscritibles nalgún dos seguintes rexistros:
  • Rexistro da Propiedade
  • Rexistro Mercantil
  • Rexistro da Propiedade Industrial
  • Rexistro Bens Mobles
  1. non estea suxeita ao imposto sobre sucesións e doazóns, transmisións patrimoniais onerosas ou operacións societarias.

2. ¿QUE PRAZO TEÑO PARA FACE-LA DECLARACIÓN? (art. 102 R)

O prazo para a presentación é de trinta días hábiles, a contar desde o seguinte a aquel no cal se cause o acto o contrato.

3. ¿ONDE TEÑO QUE PRESENTA-LA DECLARACIÓN? (art. 103 R)

A oficina competente será aquela na circunscrición da cal radique o Rexistro no que debería procederse á inscrición ou anotación dos bens. 

Pode consulta-las oficinas xestoras, os seus enderezos e teléfonos, así como os concellos que corresponden a cada unha delas. Na oficina que lle corresponda pode expo-las dúbidas que teña á hora de cubri-la súa declaración.
 

4. ¿ CÓMO SE FAI A PRESENTACIÓN TELEMÁTICA ?

(A presentación das declaracións do Imposto de Transmisións Onerosas tamén poderá efectuarse por vía telemática segundo o último apartado desta guía)

5. ¿QUE DOCUMENTACIÓN TEÑO QUE PRESENTAR? (art. 98 R)

Na oficina xestora que lle corresponda deberá presenta-la seguinte documentación: 

  1. Fotocopias dos D.N.I. o C.I.F. de tódolos interesados.
  2. O documento notarial
  3. Modelo 600 de autoliquidación.  

6. ¿COMO SE FAI A DECLARACIÓN DO IMPOSTO? (art. 99 R)

No imposto sobre actos xurídicos documentados, documentos notariais (cota gradual), o contribuínte está obrigado a realizar a autoliquidación do imposto e ingresa-las cantidades resultantes. Para isto deberá cumprimentar o modelo 600 .

Os modelos poderá adquirilos nas oficinas xestoras e nos mesmos existen instruccións para a súa cumprimentación.
 

7. ¿CAL É O TIPO DO IMPOSTO SOBRE ACTOS XURÍDICOS DOCUMENTADOS, DOCUMENTOS NOTARIAIS, COTA GRADUAL?

O tipo do imposto é con carácter xeral do 1%.

Este tipo aplicarase sobre o valor declarado no documento, sen prexuízo da comprobación administrativa.

Para máis información acerca de todas as medidas aprobadas pola Comunidade Autónoma ver o Resumo de medidas normativas aprobadas pola CCAA  e beneficios fiscais.

8. ¿QUE INCONVENIENTES TEN NON PRESENTA-LA DECLARACIÓN DO IMPOSTO? (art. 122) e (art. 123 R)

 

Aparte das posibles consecuencias derivadas da falta de presentación e ingreso, comúns a tódolos impostos, o imposto de actos xurídicos documentados posúe certas garantías para a súa presentación que convén ter en conta. Así, a súa non presentación pode implicar que: 

  • os rexistros públicos non admitirán para a súa inscrición ningún documento que conteña actos ou contratos suxeitos.
  • os documentos nos cales conste o feito impoñible non se admitirán nin terán efecto en oficinas ou rexistros públicos

9. ¿TRIBUTA POR ACTOS XURÍDICOS A ADQUISICIÓN DE INMOBLES?

Tributarase por actos xurídicos documentados, documentos notariais, cota gradual, se se cumpren as condicións citadas anteriormente. Neste caso concreto será determinante se a compravenda tributou por IVE ou por Transmisións Patrimoniais Onerosas (TPO). No primeiro caso si habería que tributar por AXD, mentres que no segundo non, dada a incompatibilidade entre AXD (cota gradual) e TPO.

10. ¿COMO TRIBUTAN OS PRÉSTAMOS HIPOTECARIOS CONCEDIDOS POR ENTIDADES FINANCEIRAS?

Ao tratarse de forma conxunta os préstamos hipotecarios, e seren concedidos por entidades financeiras, estarían suxeitos a IVE pero exentos, polo que tributarían pola cota gradual de documentos notariais.

A base sobre a que se aplicaría o tipo sería a total responsabilidade hipotecaria e o obrigado ao pago sería o que recibe o préstamo.
 

11. ¿ CÓMO SE FAI A PRESENTACIÓN TELEMÁTICA ? (Orde de 30 abril 2004 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ó imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados)

Para poder efectua-la presentación telemática deberá acceder á oficina virtual tributaria que se atopa na portada da nosa páxina web e dispoñeer do certificado de usuario expedido pola FNMT-RCM ou por outras autoridades certificadoras admitidas pola consellería de economía e facenda.
As especialidades desta forma de presentación son as seguintes:

 

  1. Para que se teña por realizada a presentación telemática destes impostos é necesario que previamente se realice o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación. No caso contrario terase por non realizada a presentación.

O pagamento das autoliquidacións para presentar de forma telemática poderá efectuarse das seguintes formas:

  • Mediante ingreso presencial da cantidade resultante da autoliquidación en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobro de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso realizarase mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número NRC identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación. .
  • Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Consellería de Economía e Facenda e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións a través das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. Caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará un NRC por cada autoliquidación.
  1. A presentación da autoliquidación do imposto e a súa data acreditarase mediante a impresión do documento (modelo 600) xerado pola aplicación informática, no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, transmitente, presentador, datos dos bens e liquidación. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte.
  2. Os contribuíntes deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación, no caso de que a autoliquidación presentada non dea lugar a ingreso bastará a xustificación da presentación mediante a impresión do documento (modelo 600) xerado pola aplicación informática tal e como se dispón nol punto 2.

Aquelas persoas que non desexen realizar a presentación telemática deste imposto ou ben non dispoñan do certificado de usuario expedido pola FNMT-RCM ou por outras autoridades certificadoras admitidas pola Consellería de Economía e Facenda, poderán cubrir a súa autoliquidación utilizando o programa de axuda existente na páxina web desta consellería. Para estes efectos e unha vez introducidos os datos correspondentes, o sistema imprimirá catro exemplares do modelo 600 (exemplar para o interesado, exemplar para a Administración, talón de cargo e carta de pagamento) que serán válidos para a presentación do imposto de forma presencial nas oficinas xestoras desta consellería.
 

Nota: Esta información ten carácter divulgativo e non recolle o contido íntegro do Real Decreto Lexislativo 1/1993, de 24 de setembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 20/10/1993), e no Real Decreto 828/1995, de 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre Transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (B.O.E. 22/6/1995). A estes efectos acompáñase o texto íntegro das normas antes citadas para a súa consulta.

Ligazón á web da Xunta
©  Información mantida e publicada na internet pola Consellería de Facenda