Procedemento

Forma de presentación de reclamacións:

O escrito de interposición dirixirase ao órgano administrativo que ditara o acto reclamable, indicando que presenta reclamación económico administrativa ante a Xunta Superior de Facenda. (XSF)

A presentación da reclamación poderase facer na forma sinalada no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de presentación por correo deberá ser certificado e constar o seu rexistro en correos aos meros efectos de data e constancia de presentación da reclamación.

Contido do escrito:

Débese comezar sinalando que é unha reclamación económico administrativa ante a Xunta Superior de Facenda, dirixida ao órgano administrativo que ditou o acto obxecto de reclamación para que a remita á XSF.

Identificación: O escrito de reclamación deberá identificar ao reclamante (nome, apelidos ou razón social e NIF), así coma do representante, cando non se compareza en nome propio. Neste caso deberá acompañar o documento que acredite a representación.

Enderezo: Deberá sinalarse un domicilio para recibir notificacións, tendo en conta que o posterior cambio de domicilio deberá comunicarse, de non ser así serán válidas as notificacións dirixidas ao antigo.

Acto que se impugna: Para identificalo deberá indicar o órgano que o ditou, a data, número de expediente que o identifique e contía.Recoméndase acompañar fotocopia para facilitar a súa identificación.

Alegacións: No procedemento xeral o escrito poderá limitarse a solicitar que se teña por interposta a reclamación ou ben incorporar as alegacións, achegando as probas e documentos que se estime conveniente, isto supón renunciar ao trámite de alegacións, salvo indicación expresa en contrario. Sen embargo no procedemento abreviado ante órganos unipersoais as alegacións e probas deben incorporarse necesariamente no escrito de interposición, dado que a súa falta non é emendable.

Lugar, data e firma.

Procedemento abreviado:

Tramítanse por procedemento abreviado ante órganos unipersoais as reclamacións que se encontren nalgún dos seguintes supostos:

  • As de contía inferior a 6000 €, ou 72.000 € en caso de reclamacións contra bases ou valoracións.
  • Cando se alegue exclusivamente inconstitucionalidade ou ilegalidade das normas
  • Cando se alegue exclusivamente falta ou defecto de notificación
  • Cando se alegue exclusivamente insuficiencia de motivación ou incongruencia do acto impugnado
  • Cando se aleguen exclusivamente cuestións relacionadas coa comprobación de valores.

Prazo de presentación de reclamacións:

As reclamacións deberanse presentar obrigatoriamente no prazo de 1 mes, contado dende o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou dende o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.(art. 235 LGT). O cómputo do prazo dun mes é de data a data polo que haberá que ter en conta que o prazo finaliza o mesmo día do mes seguinte ao da notificación do acto impugnado, no caso de que non houbera día equivalente, o último día do mes.

Prazo máximo de resolución de reclamacións:

As reclamacións resolveranse nos seguintes prazos, e haberá que ter en conta que os efectos do silencio son negativos.

  • 1 ano, no caso de procedemento xeral económico administrativo.
  • 6 meses, no caso de procedemento abreviado ante órganos unipersoais.
  • 1 mes, no caso de resolución de recursos de anulación.
  • 1 ano, no caso de resolución de recursos de revisión.
  • 6 meses, no caso de rectificación de erros.

Recursos contra as resolucións da Xunta Superior de Facenda:

Recurso de anulación, é potestativo e previo ao recurso contencioso administrativo, ten un prazo de interposición de quince días e só poderá interporse nos seguintes casos:

  1. Cando se teña declarado incorrectamente a inadmisibilidade da reclamación.
  2. Cando se teñan declarado inexistentes as alegacións ou probas oportunamente presentadas.
  3. Cando se alegue a existencia de incongruencia completa e manifesta da resolución.

Tamén se poderá interpor recurso de anulación contra o acordo de arquivo de actuacións.

O escrito de interposición incluirá as alegacións e xuntará as probas pertinentes.

Recurso contencioso administrativo, as resolución que poñan fin á vía económico administrativa serán susceptibles de recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O prazo de interposición será de dous meses, ou seis meses no caso de silencio administrativo.

Recurso extraordinario de revisión, poderá interporse contra os actos firmes da Administración tributaria e contra as resolucións firmes da Xunta Superior de Facenda cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

  1. Que aparezan documentos de valor esencial para a decisión do asunto que foran posteriores ao acto ou resolución recorridos ou de imposible achega ao tempo de ditarse os mesmos e que evidencien o error cometido.
  2. Que ao ditar o acto ou a resolución teñan influído esencialmente documentos ou testemuñas declarados falsos por sentenza xudicial firme anterior ou posterior a aquela resolución.
  3. Que o acto ou a resolución se tivera ditado como consecuencia de prevaricación, cohecho, violencia, maquinación fraudulenta ou outra conduta punible e se teña declarado así en virtude de sentenza xudicial firme.

O recurso interporase no prazo de tres meses a contar dende o coñecemento dos documentos ou dende que quedou firme a sentenza xudicial.

Ligazón á web da Xunta
©  Información mantida e publicada na internet pola Consellería de Facenda