Inicio > Áreas > Planificación e Fondos > P. O. FEDER Galicia 07-13
As Directrices Estratéxicas Comunitarias 2007-2013 constitúen o documento de referencia da Comisión Europea para o novo período de programación, xa que marcan as pautas básicas de actuación para os Estados membros na configuración dunha política de cohesión en apoio do crecemento e do emprego, inspirada á súa vez na Axenda de Lisboa e no Consello de Gotemburgo de 2001.
O presente Programa Operativo, que se elaborou de acordo con estes principios xerais e coa reorientación da política económica comunitaria deseñada pola Xunta de Galicia no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia 2007-2013 (MECEGA), persegue alcanzar os niveis medios de riqueza e benestar europeos co Obxectivo Global de "Converxer en termos de crecemento e emprego, grazas ao fomento dunha economía baseada no coñecemento,". Ao mesmo tempo, este marco asegura a complementariedade con outras formas de intervención comunitaria na Comunidade Autónoma.
Para a consecución deste Obxectivo Global, establécense catro Obxectivos Finais:
No proceso de programación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) interviñeron tanto as distintas Administracións involucradas (Comunitaria, Estatal, Autonómica e Local), como outras institucións e axentes económicos e sociais galegos, definindo unha estratexia integrada de desenvolvemento rexional que dá resposta ás necesidades e potencialidades existentes en Galicia.
A Comisión das Comunidades Europeas adoptou o Programa Operativo de intervención comunitaria do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Obxectivo de Converxencia para a Comunidade Autónoma de Galicia en España, por Decisión C(2007) 6079, do 30 de novembro de 2007, CCI 2007 ES 161 PO 005.
O importe total do Programa ascende a 3.172,2 millóns de euros entre recursos públicos autonómicos, estatais e comunitarios, dos que 2.191,5 millóns corresponden á Axuda comunitaria.
As actuacións que se cofinanciarán co PO FEDER Galicia 2007-2013 están relacionadas fundamentalmente co impulso das seguintes sete prioridades: Economía do coñecemento; Innovación empresarial; Medio, ámbito natural, recursos hídricos e prevención de riscos; Transporte e enerxía; Desenvolvemento sostible local e urbano; Infraestruturas sociais; e Asistencia técnica e reforzo da capacidade institucional.
Un elemento importante do Programa é a inclusión dun enfoque de dimensión territorial e demográfica na súa estratexia, dando resposta á realidade xeográfica e socioeconómica do país.
O contido do documento que se achega responde á versión adoptada pola Comisión á que se lle engade a actualización financeira do importe do Fondo de Cohesión/FEDER reflectida no apartado 9.3 e a copia do documento de Adopción do Programa Operativo.
O programa que se presenta detalla, para o período 2007-2013, a articulación das liñas de actuación previstas para facer fronte aos principais retos do desenvolvemento económico de Galicia e acelerar a converxencia coa UE.
