Inicio > Tributos > Recadación > Procedemento > Xestión recadatoria
A xestión recadatoria consiste no exercicio da función administrativa conducente á realización dos créditos tributarios e demais de dereito público establecidos a favor da Facenda pública de Galicia no artigo 14 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Corresponde á Consellería de Economía e Facenda e será levada:
a) En período voluntario: polos órganos da Consellería de Economía e Facenda e dos organismos autónomos que teñan atribuída a xestión dos correspondentes recursos.
b) En período executivo: polos órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda, cando se trate de recursos da Facenda pública de Galicia e dos organismos autónomos exixibles en vía de prema.
c) Os recursos de dereito público cuxa xestión estea atribuída a un ente público vinculado á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia serán recadados en período voluntario polos servizos de devandito ente. A recadación en período executivo corresponderá aos órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda.
Os órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda poderán asumir a xestión recadatoria dos recursos doutras administracións públicas cando a devandita xestión se lles encomende en virtude de lei ou por convenio.
Igualmente, a Consellería de Economía e Facenda, para a xestión recadatoria dos seus recursos, poderá celebrar convenios con outras administracións públicas.
Son órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda:
a) Na esfera central e respecto de todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Tributos e o Servizo Central de Recadación.
b) Na esfera da Administración territorial.
- Os servizos de recadación das delegacións territoriais.
- As zonas de recadación da Comunidade Autónoma.
Así mesmo, terán a consideración de órganos de recadación as unidades administrativas dos organismos autónomos e entes públicos que xestionen a recadación en período voluntario de recursos de dereito público.