Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

O conselleiro de Facenda e Administración Pública trasladou a empresarios e sindicatos as liñas xerais dos Orzamentos da Xunta para 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública trasladou a empresarios e sindicatos as liñas xerais dos Orzamentos da Xunta para 2021

  • Valeriano Martínez mantivo hoxe reunións coa Confederación de Empresarios de Galicia e coas organizacións sindicais 
  • O conselleiro explicoulles que os Orzamentos de 2021 incluirán o maior investimento público da historia que roldará os 2.500 millóns de euros

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2019.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, trasladou hoxe aos representantes empresariais e sindicais que os Orzamentos da Xunta para 2021 son uns presupostos excepcionais que permitirán afrontar con garantías a pandemia sanitaria, impulsar e reactivar a economía e atender a todos os colectivos e empresas que están sufrindo a crise económica.

O titular de Facenda e Administración Pública mantivo hoxe en Santiago senllas reunións coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e con representantes das organizacións sindicais. Estes encontros, como todos os anos, teñen por obxecto a presentación das liñas xerais do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2021, que a Xunta prevé aprobar esta semana.

Nestas reunións, Valeriano Martínez explicoulles que os Orzamentos da Xunta para o ano que vén incluirán o maior investimento público da historia que roldará os 2.500 millóns de euros, co obxectivo de que Galicia se manteña entre as comunidades autónomas con maior esforzo investidor. Tamén lles avanzou que os presupostos darán un forte impulso aos fondos para o emprego, o que reforzará as actuacións da recén creada Consellería de Emprego e Igualdade.

Ademais, o conselleiro avanzoulle que as contas de 2021 permitirán seguir acometendo importantes Ofertas de Emprego Público para que as mozas e mozos galegos poidan acceder a un emprego de calidade nos servizos públicos autonómicos.

En definitiva, Valeriano Martínez trasladoulle a empresarios e sindicatos que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2021 teñen tres prioridades: a reactivación económica, o investimento produtivo e a cidadanía. #galicia_reactívase