Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta abre o prazo de inscrición nas oposicións para cubrir 205 prazas de educadores, enfermeiros, fisioterapeutas e médicos

A Xunta abre o prazo de inscrición nas oposicións para cubrir 205 prazas de educadores, enfermeiros, fisioterapeutas e médicos

  • Estas convocatorias forman parte da convocatoria de emprego social e reforzarán sinaladamente centros de maiores ou a atención á discapacidade
  • As persoas interesadas en participar nos procesos selectivos dispoñen de 20 días hábiles para formalizar as súas solicitudes
  • A maioría das prazas son de acceso libre e poderá acceder a elas calquera persoa que cumpra os requisitos e queira acceder a un emprego fixo e de calidade na Administración galega

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019.- A Xunta de Galicia abre o prazo de inscrición nas oposicións para cubrir 205 prazas de educadores, enfermeiros, fisioterapeutas e médicos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe e mañá publica as convocatorias destes procesos selectivos que forman parte da convocatoria de emprego social e que reforzarán eidos prioritarios como os centros de maiores, centros de día ou atención á discapacidade e á muller.

O DOG de hoxe recolle as convocatorias de 86 prazas para educadores, a convocatoria con  maior volume de prazas desde o ano 2006 cando se convocaron 34 prazas; 69 para enfermería –a última convocatoria foi tamén en 2006 con 23 prazas- e convócanse por primeira vez na Administración galega, dez prazas para a categoría de fisioterapeutas.

O prazo de inscrición nestas oposicións abre mañá -sete de novembro- e remata o día catro de decembro co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na Internet, e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala.

40 prazas para médicos
Por outra banda, o DOG publicará mañá xoves por primeira vez na Xunta, dúas convocatorias para cubrir 40 prazas de médicos. As convocatorias realízanse de forma diferenciada, por un lado de persoal funcionario, e por outro de persoal laboral –para prazas de profesionais declarados indefinidos antes das entrada en vigor do Estatuto Básico do empregado Público (EBEP)-.

O prazo de inscrición abre o venres oito de novembro e remata o día cinco de decembro co que as persoas interesadas en participar nestas oposicións tamén disporán de 20 días hábiles para apuntarse. Os primeiros exercicios dos procesos selectivos de persoal funcionario serán simultáneos e coincidentes cos do persoal laboral.

Prazas de acceso libre
Do total das 205 prazas convocadas, a maioría -156 prazas- son de acceso libre e poderá acceder a elas calquera persoa que cumpra os requisitos e queira acceder a un emprego fixo e de calidade na Xunta de Galicia. Ademais, as prazas de promoción interna que non quedan cubertas sumaranse ás de acceso libre. Todas estas prazas son independentes e adicionais ás prazas sanitarias para hospitais ou centros de saúde convocadas polo SERGAS.

O sistema selectivo de todos estes procesos realizarase a través do concurso-oposición e desde a publicación da convocatoria ata a realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses, para que as persoas inscritas poidan preparar as probas.