Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta aplicará xa os incrementos salariais específicos na nómina de xaneiro e fará efectiva a suba xeral do 2% en canto o autorice o Goberno central

A Xunta aplicará xa os incrementos salariais específicos na nómina de xaneiro e fará efectiva a suba xeral do 2% en canto o autorice o Goberno central

  • A Xunta xa incluíu nos orzamentos para 2020 un fondo específico para a suba salarial, que aplicará de xeito inmediato en canto teña habilitación do Goberno
  • En canto ás subas sectoriais, na nómina deste mes auméntanse os importes pola carreira profesional do Sergas e da Administración xeral
  • No ensino público, increméntase o complemento específico ao persoal docente
  • Na Xustiza, seguirase aplicando o aumento salarial pactado para os catro corpos
  • Tamén se procederá ao incremento retributivo para os axentes forestais e medioambientais e para os traballadores do Consorcio de Servizos Sociais 
  • Todos estes incrementos foron negociados e pactados coas respectivas organizacións sindicais en cada organismo sectorial

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2020.- A Xunta de Galicia aplicará xa na nómina de xaneiro as subas retributivas específicas que foron pactadas coas organizacións sindicais, e fará efectiva a suba xeral do 2% ao conxunto dos seus empregados públicos en canto o autorice o Goberno central. En todo caso, a Xunta publicará a vindeira semana a orde de confección de nóminas para 2020, tal e como recolle un informe analizado hoxe no Consello da Xunta.

En canto á suba xeral, trátase da suba salarial acordada en 2018 polo Goberno de Mariano Rajoy coas organizacións sindicais CSIF, UGT e CC.OO. e que o Goberno galego incorporou no Acordo de concertación social asinado en xaneiro de 2019 cos sindicatos UXT-Galicia e CC.OO. de Galicia.

Esta suba salarial efectuarase a través do fondo retributivo que xa está dotado nos orzamentos da Xunta para 2020, que entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro. Por tanto, a Xunta aplicará esta suba de maneira inmediata no momento en que a Administración xeral do Estado habilite o mecanismo correspondente. Ademais, esta suba xeral do 2% beneficiará todos os traballadores da Administración autonómica e terá efectos desde o 1 de xaneiro, polo cal xa está sendo devindicada polos empregados públicos galegos.

Ademais desta mellora salarial, a Xunta de Galicia tamén fará efectivas xa neste mes de xaneiro outras melloras salariais de ámbito sectorial que son froito da negociación colectiva e que proceden de distintos acordos asinados coas organizacións sindicais durante o período de recuperación económica. Estes acordos xa se comezaron a aplicar en exercicios anteriores e teñen prevista unha anualidade de incremento no ano 2020.

Subas de ámbito sectorial
En primeiro lugar, a Xunta xa aplicará na nómina deste mes as melloras salariais correspondentes á aplicación do réxime de carreira profesional do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e da Administración xeral.

En concreto, no ámbito do Sergas incrementarase ata o 100% o importe correspondente á carreira profesional, o que supón un aumento anual de entre 1.227,84 e 305,94 euros, en función da categoría á que pertence o persoal sanitario, tal como reflicte a orde do 20 de xullo de 2018 pola que se publica o Acordo sobre as bases da carreira profesional. Na actualidade, máis de 20.500 traballadores do Sergas teñen recoñecido algún dos catro graos da carreira profesional.

Tamén na sanidade pública a nómina de xaneiro recollerá igualmente as retribucións adicionais do persoal dos puntos de atención continuada (PAC), tanto do persoal médico coma do persoal de enfermaría. Estes incrementos foron pactados en xullo de 2019 e inclúen unha suba en conceptos de nocturnidade, festividade e xornada complementaria.

Ademais, desde a nómina de xaneiro tamén se incrementará, de acordo co pactado coas organizacións sindicais, o importe do complemento de carreira profesional na Administración xeral, a cuxo réxime extraordinario xa están acollidos máis de 11.500 empregados públicos. O incremento en termos anuais vai dos 822,3 aos 382,2 euros, en función do subgrupo ao que pertence o empregado público, e trátase da contía recollida no Acordo de concertación social asinado entre a Xunta e as organizacións sindicais en xaneiro de 2019.

Ensino público
No ensino público, a nómina do mes de xaneiro xa incluirá o incremento do complemento específico ao persoal docente, o que supón un incremento anual de 350 euros para uns 30.000 empregados públicos. Este acordo foi tamén subscrito coas organizacións sindicais, aplícase desde outubro de 2018 e rematará en xaneiro de 2021, cando todas as subas quedarán consolidadas.

Xustiza e axentes forestais e ambientais
No ámbito da Xustiza, a nómina de xaneiro tamén recollerá a última fase do acordo sindical adoptado no mes de maio de 2018 e que beneficia os catro corpos (médicos forenses, xestión, tramitación e auxilio xudicial). Este acordo establece para 2020 un incremento salarial anual de entre 344,4 e 300 euros, en función do tipo de corpo, e beneficiará uns 2.800 empregados públicos.

En canto aos axentes forestais e ambientais, o acordo subscrito con estes colectivos –que se vén aplicando desde o 1 de xaneiro de 2018- implica o incremento dun nivel dos postos e o incremento do seu complemento específico, o que suporá un incremento salarial anual de entre 865,6 e 716,5 euros, e beneficia uns 500 traballadores.

Consorcio de Igualdade e Benestar
Tamén neste 2020 se fai efectiva a anualidade correspondente ao acordo asinado en 2017 para a equiparación das condicións retributivas do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar co persoal laboral da Xunta de Galicia, a través da súa integración no V Convenio colectivo único. Isto supón un incremento salarial anual de entre 1.268,8 e 812,9 euros, e beneficiará máis de 2.000 empregados públicos.