Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

A Xunta deseña 26 medidas prioritarias nun plan para potenciar a calidade dos servizos públicos e optimizar a atención á cidadanía

A Xunta deseña 26 medidas prioritarias nun plan para potenciar a calidade dos servizos públicos e optimizar a atención á cidadanía

  • O Consello da Xunta aprobou hoxe o primeiro Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia 2021-2023
  • Entre as medidas, destacan a simplificación e dixitalización dos procedementos administrativos, a mellora da formación dos empregados públicos ou o reforzo do sistema de atención aos cidadáns

Santigo de Compostela, 4 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia vén de deseñar 26 medidas prioritarias nun plan para potenciar a calidade dos servizos públicos e optimizar a atención á cidadanía. O Consello da Xunta aprobou hoxe o primeiro Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos públicos do sector público autonómico de Galicia 2021-2023 que permitirá avanzar no compromiso do Goberno galego cos principios da boa administración e a gobernanza, e incrementar a satisfacción dos cidadáns.

Este Plan enmárcase na Lei 1/2015 do 1 de abril de garantía de calidade dos servizos públicos e boa administración e ten como obxectivo impulsar unha cultura de calidade, tanto na Administración pública como organización, como en todo o persoal que presta servizos nela co fin de mellorar a eficiencia da prestación dos servizos públicos aos cidadáns.

O Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos públicos desenvolverase nos vindeiros tres anos e aplicarase tanto á Administración xeral da Xunta de Galicia como ás entidades instrumentais dependentes dela. Ademais, será obxecto de seguimento a través da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación.

As 26 medidas prioritarias están estruturadas en 10 eixes de actuación que abordan o funcionamento dos servizos públicos, a xestión da calidade e os instrumentos de mellora da calidade, a racionalización e simplificación de procedementos administrativos, a contratación administrativa, a xestión do persoal, a transparencia, a información e atención á cidadanía, a participación cidadá, a integridade institucional e a difusión e comunicación do propio Plan.

Avaliación das políticas públicas e simplificación
Neste marco, o Plan de xestión e mellora da calidade dos servizos públicos recolle medidas para a avaliación das políticas públicas que abarcan desde o momento en que se planifican ata a súa implantación e posterior seguimento; instrumentos para a supervisión da calidade dos servizos que se prestan aos cidadáns; outras medidas encamiñadas a mellorar a calidade das normas que promove a Administración.

Inclúe tamén medidas de revisión e simplificación dos procedementos administrativos para eliminar aqueles que estean en desuso ou sexan innecesarios e reducir de maneira significativa os prazos de resolución; e outras dirixidas a universalizar a tramitación electrónica destes procedementos administrativos.

Tamén se continuará co proceso de dixitalización da contratación administrativa a través de ferramentas TIC e coa harmonización dos procedementos de contratación a través de modelos normalizados e coa elaboración de guías que orienten aos traballadores públicos.

Xestión do persoal e transparencia
No ámbito da xestión do persoal, o Plan implantará un sistema de rexistro de actividade para analizar a carga de traballo do persoal ao servizo da Administración galega; formarase a todos os empregados públicos en xestión de calidade a través de xornadas desenvolvidas pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); e farase un seguimento das actividades que se realicen na modalidade de traballo a distancia para mellorar, entre outros aspectos, a distribución das tarefas.

En canto á transparencia, poranse en marcha medidas para actualizar os contidos dos portais de transparencia e mellorar o funcionamento; ampliaranse os servizos dispoñibles e publicarase a información en formatos que sexan reutilizables para os cidadáns.

Atención e participación cidadá
Desenvolveranse medidas encamiñadas a reforzar e mellorar o sistema de atención aos cidadáns por parte da Administración galega; medidas para dixitalizar e simplificar os canais de acceso á información pública e outras para o seguimento e análise das queixas e suxestións co fin de incrementar a calidade da prestación dos servizos públicos.

Ademais, o Plan inclúe actuacións para fomentar a participación dos cidadáns a través da creación do Portal de participación cidadá co fin de facilitar o envío das súas achegas e mellorar a toma de decisións do Executivo galego, ou a creación novas canles de participación especialmente dirixidas ás mozas e mozos.

Outras medidas
No marco do Plan de mellora da calidade dos servizos públicos tamén se aprobará un programa de integridade institucional, e mellorarase a xestión das entidades instrumentais do sector público coa elaboración de plans de actuación, de memorias anuais de resultados das actividades e coa revisión dos seus portais web.

Finalmente, promoverase a actuación coordinada e conxunta da Administración galega e fomentaranse as xornadas e encontros profesionais para poder intercambiar e difundir coñecementos con outras administracións sobre a calidade das políticas públicas.