Volver ao contido

Actualidade Orzamentaria

O conselleiro de Facenda di que Galicia é a primeira comunidade que tramita os Orzamentos para 2019 grazas á súa estabilidade

O conselleiro de Facenda di que Galicia é a primeira comunidade que tramita os Orzamentos para 2019 grazas á súa estabilidade

  • Valeriano Martínez confrontou isto coa situación de España, onde aínda non foron presentadas as contas para o vindeiro ano
  • No debate de totalidade no Parlamento, o titular de Facenda destacou que os Orzamentos galegos medran un 3,8% ata chegar aos 9.850 millóns de euros
  • Baixa o gasto en débeda e aumentan o gasto social, o investimento e os fondos para emprego, co obxectivo de crear 15.000 postos de traballo a tempo completo
  • Coas novas baixadas de impostos os galegos pagarán menos pola compra de vivenda usada ou nas herdanzas entre irmáns
  • O salario dos empregados públicos medrará un 2,4%, que se sumará aos acordos retributivos específicos xa aprobados

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2018.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou hoxe que Galicia é a primeira comunidade autónoma en tramitar no Parlamento os Orzamentos para o ano 2019, grazas a unha estabilidade institucional que contrasta coa situación política en España, onde aínda non foi presentado o proxecto de Lei de Orzamentos para o vindeiro exercicio.

Na súa intervención durante o debate de totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2019, o titular de Facenda lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en entregar as súas contas na cámara autonómico, motivo polo que é tamén a primeira en analizar as emendas que presentan os distintos grupos parlamentarios.

Valeriano Martínez explicou que os Orzamentos para 2019 establecen un gasto de 9.850 millóns de euros, cun incremento de gasto de 363 millóns respecto a este ano. Estas contas permitirán reforzar o gasto social, aumentar os investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas de impostos. De feito, estes orzamentos son os máis altos desde 2010, con 1.464 millóns de euros máis en relación ás contas de 2014.

O titular de Facenda resaltou que estas contas públicas están centradas "no crecemento, os servizos e as persoas". O aumento de recursos permitirá reforzar en 270 millóns de euros o gasto social, con especial incidencia na sanidade e na educación pública, así como incrementar un 5,3% os investimentos e elevar un 7% os fondos para emprego –ata os 254 millóns-, co obxectivo de crear uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo.

Ademais, as contas manteñen o impulso ás políticas sociais, con 383 millóns para dependencia e cunha ampliación da cobertura da Tarxeta Benvida e dos recursos da Risga. E reforzan á súa vez partidas clave coma o turismo -con 41,4 millóns- ou as infraestruturas, nas que se incrementa nun 260% os recursos para as estacións intermodais. Pola contra, a única partida orzamentaria que descende é un ano máis a dos xuros da débeda.

Menos impostos
Valeriano Martínez tamén explicou os cambios no eido fiscal, coa aprobación de novas baixadas de impostos e o mantemento das que xa están en vigor como a do IRPF, no Imposto sobre Sucesións e no programa de impostos cero no rural. Entre as novidades figura unha rebaixa do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) no caso de vivenda usada habitual, ao reducir o tipo do ITP do 8% ao 7%, o que sitúa Galicia no grupo de comunidades con menor tributación neste eido. No caso de que a adquisición a faga unha familia numerosa, un mozo menor de 36 anos ou persoas con discapacidade, o tipo impositivo pasa do 4% ao 3%, o que fai que Galicia teña a tributación máis baixa de España.

Outra das baixadas fiscais afecta ao Imposto sobre Sucesións e Doazóns, xa que Galicia eleva de 8.000 a 16.000 euros o mínimo exento nas herdanzas entre irmáns, polo que o 60% das herdanzas entre irmáns en Galicia quedarán libres de tributación. A Xunta tamén reverte a suba do Imposto sobre o Patrimonio aprobada por mor da crise no ano 2013, de xeito que Galicia volve ter a mesma tributación que a tarifa do Estado. E as novas deducións fiscais no eido da innovación incentivarán a participación e o investimento en pemes innovadoras e en iniciativas empresariais de base tecnolóxica.

Salarios dos empregados públicos
En 2019 a Xunta aplicará un incremento salarial do 2,4% para todos os seus empregados públicos, sendo o cuarto ano consecutivo no que se incrementan os seus soldos. Ademais, a esta suba do 2,4% -que se aplicará cando haxa habilitación legal do Estado- engádense os distintos acordos retributivos acadados nos eidos sectoriais.
 
Crecemento e emprego
Finalmente, en canto á actualización do cadro macroeconómico, o conselleiro explicou que a previsión de evolución do PIB galego para 2019 é do 2,5%, de xeito que Galicia seguirá medrando máis que a economía española. En termos de emprego, a previsión é seguir rebaixando a taxa de paro, ata situala o vindeiro ano no 12,7%.