Volver ao contido

Orzamentos

A conselleira de Facenda anuncia a sindicatos e patronal unha mellora na evolución da economía galega para 2014

A conselleira de Facenda anuncia a sindicatos e patronal unha mellora na evolución da economía galega para 2014

  • Galicia crecerá o vindeiro ano un 0,8%, dúas décimas máis do inicialmente previsto, e a taxa de paro reducirase ao 21,7%, cinco décimas mellor que o estimado
  • Elena Muñoz Fonteriz trasladoulles as liñas básicas dos Orzamentos para 2014, e explicoulles que a Comunidade galega seguirá converxendo con España e manterá o diferencial positivo na taxa de desemprego
  • Tamén destacou que serán as contas menos restritivas dos últimos cinco anos
  • Serán os orzamentos máis sociais na historia da Autonomía, e neles incrementaranse as partidas que reforzan a solidariedade e o benestar dos cidadáns mantendo o maior esforzo investidor posible
  • Lembrou que a Xunta implantará un novo plan de loita contra a fraude fiscal e equiparará o imposto sobre hidrocarburos coa maioría das comunidades, co que se blindará o gasto social sen afectar ao transporte nin ao sector primario

Santiago, 14 de outubro de 2013.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, trasladoulle hoxe aos representantes dos sindicatos e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) as liñas básicas dos Orzamentos para o vindeiro ano, e anuncioulles unha mellora na evolución da economía galega para 2014. Así, a Xunta revisará á alza o cadro macroeconómico para o vindeiro ano que presentou en agosto, con motivo da aprobación do teito de gasto.

En concreto, a titular de Facenda explicoulles que en 2014 Galicia rexistrará un crecemento do Produto Interior Bruto do 0,8%, dúas décimas máis do inicialmente previsto, e rebaixará a súa taxa de paro cinco décimas máis, do 22,2% ao 21,7%. Ademais, por primeira vez dende que comezou a crise Galicia compatibilizará taxas positivas de crecemento cunha rebaixa do paro.

Esta revisión vén motivada pola mellor evolución da economía española en xeral  nos últimos meses, e pola mellor evolución da economía galega, cuns diferenciais positivos en indicadores como o Índice de Produción Industrial ou as exportacións. Neste sentido, a conselleira de Facenda destacou que en 2014 a Comunidade galega seguirá converxendo con España e manterá o diferencial positivo na taxa de desemprego.

Elena Muñoz Fonteriz reuniuse hoxe en Santiago con responsables de UGT e CC.OO. e co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, e  transmitiulles que os Orzamentos da Xunta para 2014 serán os menos restritivos dos últimos cinco anos.

Así mesmo, sinalou que as contas para o vindeiro exercicio serán as que teñan un maior peso do gasto social da historia da Autonomía. O Goberno galego incrementará as partidas que reforzan a solidariedade e o benestar dos cidadáns mantendo o maior esforzo investidor posible, e unha vez garantidos os servizos públicos esenciais.

A titular de Facenda indicou tamén que a Administración galega impulsará en 2014 un novo plan de loita contra a fraude fiscal, co obxectivo de acadar uns 50 millóns de euros adicionais, e que reforzará esta medida coa equiparación do imposto sobre hidrocarburos coa maioría de comunidades autónomas, o que permitirá blindar o gasto social, especificamente o sanitario.

Sobre isto, Elena Muñoz Fonteriz explicou que a modificación no imposto sobre hidrocarburos non afectará á competitividade no sector do transporte, xa que non verá variadas as súas condicións. Tamén lembrou que a Xunta manterá sen gravar os gasóleos especiais –agrícola e pesqueiro- e tampouco gravará o gasóleo doméstico, para que as familias nos seus fogares sigan exentas deste imposto.