‘Sofía' e ‘Mateo' son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que nacen en Galicia
- O IGE publica a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos' correspondente ao ano 2018
- Os nomes máis empregados para as nenas nadas en Galicia seguen sendo, ao igual que no 2017, ‘Sofía', ‘Noa', ‘Daniela', ‘Martina' e ‘Sara'
- En canto aos masculinos, destacan ‘Mateo, ‘Martín', ‘Lucas', ‘Hugo' e ‘Leo'
Santiago de Compostela, 30 de outubro 2019.- O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos' correspondente ao ano 2018, que reflicte que ‘Sofía' e ‘Mateo' son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia.
Os nomes de mulleres máis frecuentes son ‘Sofía', ‘Noa', ‘Daniela', ‘Martina', ‘Sara' e ‘Valeria'. Se se compara co 2017, os cinco primeiros continúan na mesma posición mentres que ‘Lucía' desaparece do sexto lugar e é substituído por ‘Valeria'. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2008, só se manteñen dous nomes entre os seis primeiros nomes máis frecuentes que son ‘Noa' e ‘Sara'.
En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os seis máis frecuentes son ‘Mateo', ‘Martín' ‘Lucas', ‘Hugo', ‘Leo' e ‘Daniel'. A mesma comparativa co 2017 reflicte que estes eran tamén os nomes preferentes nese ano aínda que en posicións distintas, agás ‘Enzo' que desaparece e é substituído por ‘Daniel'. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2008, só se manteñen ‘Hugo' e ‘Daniel'.
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como, entre 2017 e 2018, no caso dos nenos todos os nomes coinciden agás ‘Diego', ‘Mario' e ‘Alex' que no 2018 son substituídos por ‘Nicolás', ‘Anxo' e ‘Roi'. En canto ás nenas, no 2018 soben á lista ‘María', ‘Lía' e ‘Mía' e desaparecen ‘Paula', ‘Iria' e ‘Sabela'. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa', ‘Antía' ou ‘Uxía') como para os nenos (‘Brais', ‘Antón' ou ‘Anxo').
Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación
O IGE tamén dispón da ‘Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación' a través da cal se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década (desde antes de 1930 ata a década actual).
Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome.
NOMES MÁIS FRECUENTES EN 2017 E 2018
NENOS | NENAS | ||||
2018 | 2017 | 2018 | 2017 | ||
1 | Mateo | Martín | 1 | Sofía | Sofía |
2 | Martín | Lucas | 2 | Noa | Noa |
3 | Lucas | Mateo | 3 | Daniela | Daniela |
4 | Hugo | Hugo | 4 | Martina | Martina |
5 | Leo | Leo | 5 | Sara | Sara |
6 | Daniel | Enzo | 6 | Valeria | Lucía |
7 | Manuel | Daniel | 7 | Alba | Alba |
8 | Pablo | Pablo | 8 | Enma | Carla |
9 | Gael | Manuel | 9 | Lara | Lara |
10 | Enzo | Izan | 10 | Lucía | Vera |
11 | Marco | Adrián | 11 | María | Carmen |
12 | Brais | Diego | 12 | Carla | Valeria |
13 | Izan | Gael | 13 | Julia | Paula |
14 | Adrián | Alejandro | 14 | Antía | Julia |
15 | Antón | Mario | 15 | Uxía | Valentina |
16 | Nicolás | Marco | 16 | Carmen | Uxía |
17 | Alejandro | Brais | 17 | Vera | Emma |
18 | Anxo | Antón | 18 | Valentina | Antía |
19 | Iago | Alex | 19 | Lía | Iria |
20 | Roi | Iago | 20 | Mía | Sabela |