Volver ao contido

Notas de prensa

34 concellos asinaron xa os convenios de colaboración coa Xunta para dispoñer de caixeiro automático e servizos de atención financeira ao cidadán

34 concellos asinaron xa os convenios de colaboración coa Xunta para dispoñer de caixeiro automático e servizos de atención financeira ao cidadán

  • Preto de 48.000 galegas e galegos beneficiaranse destes servizos
  • O obxectivo do Goberno galego é evitar a exclusión financeira e promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros
  • O Consello da Xunta aprobou hoxe as bases que rexen as convocatorias das subvencións destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021.- Un total de 34 concellos asinaron xa os convenios de colaboración coa Xunta de Galicia para dispoñer de caixeiro automático e de servizos de atención financeira ao cidadán dos que se beneficiarán preto de 48.000 galegas e galegos que viven nestes municipios.

Os habitantes destes concellos dispoñerán dun caixeiro automático e poderán efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen ter que desprazarse a outros municipios.

As entidades locais que xa asinaron os correspondentes convenios son: Aranga, Vilasantar, Lousame, Cabanas, Dumbría, Santiso, Coirós, Dodro, Paderne, Toques e Vilarmaior na provincia da Coruña; Ribeira de Piquín, Samos e O Páramo na de Lugo; Larouco, Arnoia, Petín, Lobeira, Os Blancos, Oímbra, Vilar de Santos, Carballeda de Avia, Xunqueira de Ambía, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Espadanedo, Piñor, Porqueira, A Teixeira, Melón, Cenlle, Rairiz de Veiga, A Peroxa, Tabodela e Pontedeva na provincia de Ourense. 

O financiamento corre a cargo da Xunta polo que os concellos acollidos a esta medida non terán que facer ningunha achega económica e só deberán ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación.

Bases da convocatoria
A Xunta e a FEGAMP asinaron a finais do ano pasado un protocolo de colaboración coa finalidade de adoptar medidas para universalizar o acceso aos servizos financeiros nas entidades locais galegas. 

Segundo os datos do Banco de España, no 2020, 45 concellos galegos -o 14% do total- carecían dunha entidade de crédito, por iso o obxectivo da Xunta é evitar a exclusión financeira e promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros. Aínda que a medida está dirixida de xeito prioritario a estes concellos, tamén poden acollerse aqueles municipios que teñan algunha dificultade para acceder a servizos financeiros.

A iniciativa consiste na instalación de caixeiros automáticos nas dependencias municipais; a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de xeito semellante a unha oficina bancaria convencional, solucionar de xeito presencial as dúbidas dos clientes; e a oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Neste marco, o Consello da Xunta aprobou hoxe as bases que rexerán as subvencións destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios no ámbito rural para catro anualidades. O importe para o período 2021-2025 ascende a 2,8 millóns de euros.

Estas medidas  de universalización vanse desenvolver a través da concesión dun incentivo a unha entidade financeira -que se elixirá mediante convocatoria pública- para que preste os servizos bancarios básicos naqueles concellos galegos do ámbito rural que se adhiran voluntariamente ao protocolo asinado entre o Goberno galego e a FEGAMP e asinar os correspondentes convenios de colaboración coa Xunta de Galicia.