Volver ao contido

Notas de prensa

372 persoas participaron hoxe nos segundos procesos selectivos da Xunta de Galicia reservados á discapacidade intelectual, cunha participación do 73%

372 persoas participaron hoxe nos segundos procesos selectivos da Xunta de Galicia reservados á discapacidade intelectual, cunha participación do 73%

  • A oferta de prazas para esta segunda promoción de empregados públicos multiplica por catro a anterior, ata chegar ás 24 prazas de persoal subalterno
  • O primeiro exercicio consistiu na contestación por escrito dun cuestionario tipo test de 45 preguntas
  • Neste proceso colaboran as organizacións Fademga, Down Galicia e a Consellería de Política Social

Silleda, 1 de decembro de 2019.- Un total de 372 persoas participaron hoxe nos segundos procesos selectivos realizados pola Xunta de Galicia reservados especificamente para a discapacidade intelectual, cunha participación do 73%. Todas estas persoas aspiran a unha praza de persoal subalterno na Administración galega.

Os participantes neste proceso terán máis posibilidades de acceder a unha praza de emprego público, xa que o número de prazas convocadas multiplica por catro o anterior e pasa de 6 a 24 prazas.

Esta será a segunda promoción de empregados públicos da Administración autonómica con discapacidade intelectual, toda vez que a primeira xa está a traballar desde hai máis dun ano en distintas consellerías da Xunta de Galicia.

Hai que subliñar tamén, que a Xunta puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, unha bolsa de emprego temporal reservada para persoas con discapacidade intelectual. As persoas apuntadas nesta lista poderán traballar nas consellerías da Administración galega con contratos temporais, en postos de traballo especificamente adaptados a persoas con discapacidade intelectual.

Todo isto enmarcado na clara aposta da Xunta de Galicia pola inclusión laboral das persoas con discapacidade, o que lles permite demostrar toda a súa valía e ademais adquirir habilidades e coñecementos.

Dous exercicios

O proceso selectivo consta de dous exercicios. O primeiro (obrigatorio e eliminatorio) consistiu na contestación por escrito dun cuestionario tipo test de 45 preguntas: 20 preguntas da parte xeral do programa e 25 preguntas sobre contidos prácticos do traballo a realizar incluídos na parte específica do programa.

O segundo exercicio (obrigatorio e non eliminatorio) centrarase na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte das persoas aspirantes da lingua galega.

Un operativo de máis de 80 persoas

Un operativo formado por máis de 80 persoas controlou o desenvolvemento deste proceso selectivo. Este operativo incluíu psicólogos, enfermeiros, coidadores e persoal especializado. Tamén se contou cunha ambulancia medicalizada con persoal médico especializado para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

Para realizar este proceso selectivo, a Consellería de Facenda está a colaborar con representantes de Down Galicia e da Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga), co obxectivo de facilitar a entrada deste colectivo na Xunta de Galicia. Ademais, tamén foi precisa a colaboración da Consellería de Política Social na valoración dos informes sobre o tipo de discapacidade dos aspirantes.