Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta formaliza a súa segunda emisión de débeda sostible por un importe de 500 millóns de euros

A Xunta formaliza a súa segunda emisión de débeda sostible por un importe de 500 millóns de euros

  • O DOG publica hoxe esta emisión de obrigacións a sete anos cun tipo de xuro do 0,26%
  • Esta emisión de débeda empregarase para proxectos relacionados co uso ‘verde' dos recursos, como as enerxías renovables ou a eficiencia enerxética, entre outros
  • Tamén se poderá destinar á mellora das infraestruturas básicas, o acceso á vivenda ou á xeración de emprego
  • A operación enmárcase na xestión eficiente da débeda, xa que Galicia é a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia vén de formalizar a súa segunda emisión de débeda sostible por importe de 500 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta emisión de obrigacións a sete anos e cun tipo de xuro do 0,26%.

Estas obrigacións están integramente orientadas aos investimentos sociais e medio ambientais, á economía verde e sostible e vinculados tamén á Axenda 2030. En concreto serán empregadas en proxectos relacionados co uso verde dos recursos como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a prevención e o control da contaminación, a conservación da biodiversidade, o transporte limpo ou a xestión sostible da auga e dos recursos naturais.

Ademais, a estes recursos tamén se lles poderá dar un uso social a través de proxectos relacionados con infraestruturas básicas e asumibles (mellora de camiños rurais ou banda ancha no rural), o acceso a servizos esenciais (apoio á educación infantil, primaria e secundaria ou á construción de hospitais), vivenda asumible (axudas ao aluguer para grupos vulnerables), ou coa xeración de emprego (apoio ao emprego nas áreas rurais).

Esta emisión de 500 millóns de euros xa estaba prevista no Programa Anual de Endebedamento da Comunidade Autónoma e non supón un incremento da cifra neta de endebedamento, xa que coincide coa amortización doutros créditos xa existentes.

Xestión eficiente da débeda
Os datos oficiais do Banco de España ratifican que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.
Segundo os últimos datos do organismo regulador, Galicia pechou o segundo trimestre do ano sendo a 3ª Comunidade Autónoma con menor endebedamento por habitante de España. Así, a débeda por habitante sitúase en Galicia nos 4.476 euros fronte aos 6.607 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.131 euros menos que a media autonómica.
En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 20,1% ao peche do segundo trimestre do ano e baixou tres décimas respecto ao primeiro trimestre (20,4%). Ademais, este indicador é 6,8 puntos inferior ao da media de comunidades (26,9%) e só superior ao de dúas comunidades autónomas de réxime común, Canarias e Madrid.