Volver ao contido

Notas de prensa

Case 11.000 empregados públicos solicitaron acceder ao réxime extraordinario da carreira profesional, máis do 95% do total

Case 11.000 empregados públicos solicitaron acceder ao réxime extraordinario da carreira profesional, máis do 95% do total

  • No colectivo de funcionarios de carreira, máis do 95% dos traballadores realizaron esta petición á Dirección Xeral da Función Pública
  • Nos laborais fixos a solicitude tamén foi masiva: máis do 94% dos traballadores pediron transformarse en funcionarios de carreira para acceder a este novo sistema de recoñecemento profesional

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2019.- Un total de 10.961 empregados públicos xa pediron o acceso ao réxime extraordinario da carreira profesional no eido da Administración Xeral, un novo sistema de recoñecemento profesional que se implanta por primeira vez na historia da Autonomía. Isto supón que máis do 95% dos traballadores que podían realizar esta solicitude optaron por facelo.

Unha vez pechado o prazo para solicitar o acceso a este réxime extraordinario –o derradeiro día de solicitude foi o pasado 29 de xullo-, as cifras recompiladas pola Dirección Xeral da Función Pública mostran que a inmensa maioría dos empregados públicos da Administración autonómica están a acceder á carreira profesional.

Así, un total de 7.807 funcionarios de carreira xa pediron o acceso á carreira profesional, o que representa máis do 95% dos traballadores deste colectivo que podían solicitalo. A esta cifra súmanse outros 3.154 profesionais laborais fixos que solicitaron transformarse en funcionarios de carreira para acceder tamén a este novo sistema, polo que as solicitudes tamén foron masivas, xa que superaron o 94% do total de traballadores.

A carreira profesional é un sistema voluntario e consolidable que recoñecerá o desempeño do empregado público e a súa formación continua, e que foi incluído no Acordo de Concertación Social asinado en xaneiro entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UGT. Esta carreira profesional dá resposta a unha reivindicación histórica das organizacións sindicais e o seu obxectivo é favorecer a motivación dos empregados públicos e a súa mellor formación.

O sistema de carreira profesional conta con dous réximes de aplicación: un réxime ordinario cun grao inicial e catro graos, ao que se poderán acoller os novos funcionarios e os que teñan menos de cinco anos de antigüidade, e un réxime extraordinario, habilitado de xeito excepcional para os traballadores con máis de cinco anos de antigüidade. Este réxime extraordinario contará con catro graos e comporta o acceso ao grao 1. Ten como finalidade recoñecer o desempeño xa realizado polos funcionarios ao longo da súa traxectoria.

Os beneficiarios percibirán de xeito progresivo unha contía anual por cada grao que vai dos 761 euros na categoría de menor nivel ata os 2.460 na categoría A1. Para poder progresar na carreira terase en conta, entre outros criterios, a actividade profesional, a formación e innovación, a implicación e o compromiso coa organización ou a participación en iniciativas e programas especiais ou en liñas de traballo específicas ou transversais.

Novo acordo para o persoal funcionario interino
A Xunta de Galicia tamén asinou en xullo un acordo cos sindicatos CC.OO. e UGT para estender ao persoal funcionario interino un réxime extraordinario de acceso á carreira profesional. Así, o persoal interino que a 31 de decembro de 2019 acredite ter unha antigüidade de 5 anos na categoría desde a que solicita o complemento equivalente de carreira poderá acceder a un réxime extraordinario de carreira profesional.

Esta posibilidade tamén se estende ao persoal laboral temporal, previa transformación en persoal funcionario interino. A extensión da carreira profesional ao persoal funcionario interino foi unha reivindicación moi demandada polas organizacións sindicais.