Volver ao contido

Notas de prensa

O novo marco galego de competencias dixitais fortalece a capacitación dos empregados públicos e sitúa a Galicia na vangarda da adaptación aos estándares europeos

O novo marco galego de competencias dixitais fortalece a capacitación dos empregados públicos e sitúa a Galicia na vangarda da adaptación aos estándares europeos

  • A directora da Amtega, Mar Pereira, e a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, inauguran a XI edición do Curso Superior de Administración Electrónica, en colaboración co Colexio  Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG)
  • No acto inaugural, a directora da Amtega destacou que Galicia é a primeira comunidade na transposición e adaptación á súa realidade do Marco Europeo de Competencia Dixital para a Cidadanía
  • O Decreto, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022, inclúe o desenvolvemento do Plan de Capacitación Dixital de Empregado Público, que definirá as competencias dixitais mínimas para poder acceder a un posto na Administración
  • Na primeira xornada do Curso Superior de Administración Electrónica tamén participaron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez;  e o director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, Miguel Ángel Amutio, que impartiu a lección inaugural
  • A Xunta promoveu en 2020 un total de 172 accións formativas, con máis de 4.000 horas lectivas, dirixidas ao persoal empregado público

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021.- A aprobación do Marco Galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2022, converte a Galicia na primeira comunidade autónoma en adaptar ao seu territorio o marco europeo na súa versión máis recente e actualizada, segundo destacou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

Mar Pereira participou esta mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na inauguración da décimo primeira edición do Curso Superior de Administración Electrónica 2021, organizado pola Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG). O acto inaugural contou tamén coas intervencións do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

A directora da Amtega destacou o esforzo realizado pola Xunta para a adaptación da administración dixital á nova situación provocada pola pandemia, que provocou un notable incremento das tramitacións realizadas a través da sede electrónica.

Neste sentido, lembrou que en 2020 aumentaron en máis dun 63% as presentacións electrónicas a través da sede, que corresponderon a 1.200 procedementos distintos. A administración electrónica foi usada por 316.000 persoas distintas (físicas e xurídicas). Máis do 78% das entradas no Sistema Único de Rexistro foron electrónicas.

Ademais, no 2020, a Xunta promoveu 172 accións formativas en materia de capacitación dixital do persoal empregado público en diversos eidos, accións que supuxeron un total de 4.055 horas de formación.

Plan de Capacitación Dixital do Persoal Empregado Público
Para atender esta demanda da cidadanía e adaptarse ao novos modelos de posto de traballo dixital, Mar Pereira destacou a necesidade de reforzar a formación das persoas empregadas públicas en competencias dixitais.

O novo Marco Galego inclúe un Plan de Capacitación Dixital do Persoal Empregado Público de Galicia que definirá as competencias dixitais mínimas para poder acceder a un posto na administración.

Estes coñecementos e habilidades serán avaliados co Certificado Galego de Competencias Dixitais, que poderán obter todas as persoas de Galicia maiores de 16 anos.

As certificacións avaliarán 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: información e datos; comunicación e colaboración; creación de contido dixital; seguridade e privacidade e solución dos problemas.

O Certificado Galego de Competencias Dixitais terá unha vixencia máxima de cinco anos, salvo no caso en que se modifique o Marco Galego de Competencias Dixital, no que poderá perder a súa vixencia anticipadamente. Nesa situación, as persoas con certificación terán un prazo de doce meses para renovala.

Nesta mesma liña tamén se pronunciou a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, que destacou o papel do organismo na capacitación do persoal empregado público en materia de administración dixital mediante a formación continua e os cursos superiores. Ademais, tamén resaltou o traballo levado a cabo desde 2019 na promoción do uso dos servizos electrónicos entre a cidadanía a través da iniciativa Universo EGAP Innova, en especial coas xornadas de formación práctica dixital (e-martes) polas que pasaron xa máis de 700 alumnos.

Pola súa banda, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destacou que a pandemia supuxo "unha importante lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán".

50 participantes e 114 horas lectivas
No Curso Superior de Administración Electrónica 2021 participan 70 empregados públicos que asistirán a un total de 114 horas lectivas. O curso desenvolverase ata o 26 de outubro e inclúe 30 horas de prácticas presenciais. Fernando Suárez, que é tamén o director académico do curso, explicou que esta actividade ten como finalidade afondar na concepción da administración electrónica desde diferentes enfoques e cunha compoñente práctica.

A lección inaugural do curso foi impartida polo director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio.