Galicia pechou o primeiro semestre do ano como a comunidade que mellor paga as súas facturas, segundo os datos do Ministerio de Facenda
- O período medio de pago de Galicia en xuño foi de 13,8 días, o máis baixo de España, fronte aos 36,2 días da media autonómica
- O último informe do Ministerio de Facenda sitúa de novo a Galicia como a comunidade autónoma con menor débeda comercial de España
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019.- Galicia pechou o primeiro semestre do ano como a comunidade autónoma que mellor paga as súas facturas, segundo reflicte o último informe sobre ‘Prazos de pago a provedores e débeda comercial das Comunidades Autónomas', publicado hoxe polo Ministerio de Facenda.
O período medio de pago en Galicia reduciuse a 13,8 días, o máis baixo de toda España, mentres que a media autonómica situouse nos 36,2 días. Os datos oficiais da Administración do Estado mostran tamén que este indicador en Galicia mantívose 16 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días.
En canto á débeda comercial, os datos do informe elaborado pola Secretaría de Estado de Facenda sitúan a Galicia de novo como a comunidade con menor débeda comercial de España. A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de xuño no 0,11%, a máis baixa de toda España e inferior á media autonómica, que foi do 0,39%. Ao peche do primeiro semestre do ano, a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.898,5 millóns de euros, dos que 70,3 millóns –o 1,4% do total- corresponden a Galicia.
Período Medio de Pago – Xuño 2019 (*CCAA réxime foral) | ||||
Galicia | 13,8 |
| Aragón | 30,4 |
Canarias | 15,3 | Madrid | 31,5 | |
Andalucía | 18,1 | Castilla - La Mancha | 34,1 | |
País Vasco* | 22,7 | TOTAL CC.AA. | 36,2 | |
Castilla y León | 23,7 | La Rioja | 40,1 | |
Asturias | 23,8 | Cataluña | 46,5 | |
Navarra* | 23,9 | Cantabria | 50,0 | |
Extremadura | 25,5 | Murcia | 51,2 | |
Baleares | 29,3 | Valencia | 53,1 |