Volver ao contido

Notas de prensa

A Axencia Tributaria de Galicia publica as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2020

A Axencia Tributaria de Galicia publica as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2020

  • Como novidade inclúese o control das doazóns con causa onerosa como, por exemplo, a entrega dun ben a cambio de recibir coidados e alimentación
  • O ente tributario galego continuará potenciando o cumprimento voluntario, a redución das cargas administrativas e a loita contra a fraude fiscal a través dos novos medios tecnolóxicos, como a automatización de procesos

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020.- A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2020, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas por este organismo desde a súa posta en marcha en 2013.

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2020 está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme ao disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado. En cada un destes plans fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos que alcanzar.

Como novidade no eido do control, o plan de 2020 inclúe un novo apartado relativo ao control da tributación nas doazóns con causa onerosa. Un exemplo destas doazóns é o contrato de vitalicio, unha figura recollida no Dereito Civil de Galicia e que consiste, por exemplo, na entrega dun ben a cambio de recibir coidados e alimentación.

Ademais, o ente tributario galego continuará potenciando o cumprimento voluntario das obrigas tributarias, así como a redución das cargas administrativas e a loita contra a fraude fiscal a través dos novos medios tecnolóxicos, como a automatización de procesos, un proxecto piloto xa licitado pola Xunta o pasado mes de maio.

Así, no apartado de información e asistencia, a ATRIGA seguirá potenciando a administración electrónica, e avanzarase no pago mediante domiciliación e a universalización do pago on line con tarxeta, a coñecida como TPV Virtual. En canto ao apartado de colaboración social, continuarase incidindo no intercambio de información con outras administracións e con outros colectivos profesionais, como os notarios ou os rexistradores da propiedade, cos que xa se teñen asinado convenios de colaboración.