Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta propón a Agustín Hernández como novo presidente do Consello Económico e Social de Galicia

A Xunta propón a Agustín Hernández como novo presidente do Consello Económico e Social de Galicia

  • Logo de trasladarlle esta proposta a todas as organizacións sindicais e empresariais e ao resto de asociacións e entidades representadas no pleno do organismo consultivo, o nomeamento corresponde ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a comparecencia do candidato no Parlamento

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2019.- A Xunta de Galicia propón a Agustín Hernández como novo presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES), en substitución de Corina Porro.

Logo de trasladarlle esta proposta ás organizacións sindicais e empresariais, e ao resto de asociacións e entidades representadas no pleno do CES, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, elevarán esta proposta conxunta para ocupar a presidencia deste organismo consultivo da Xunta en materia socioeconómica.

O nomeamento corresponderá ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, unha vez se produza a comparecencia do candidato proposto ante o Parlamento, como establece a lexislación autonómica.

Enxeñeiro de Camiños, canais e portos e funcionario do Corpo facultativo superior da Xunta, Agustín Hernández destaca polo seu amplo coñecemento no eido da xestión pública e da Administración e polo seu talante dialogante e de consenso, tras ocupar os cargos de conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de alcalde de Santiago de Compostela.

Á fronte do Consello Económico e Social de Galicia, corresponderalle presidir este foro permanente de diálogo e deliberación entre a sociedade civil e a Administración autonómica. O CES desenvolve, ademais, un importante papel na elaboración de estudos e informes con propostas para impulsar as políticas públicas dos diferentes sectores de actividade representados, como a economía, fiscalidade, emprego e seguridade social, agricultura e pesca, educación e cultura, consumo, medio ambiente, transporte e comunicación, industria e enerxía, vivenda ou integración europea.