Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta reforza a formación dos empregados públicos que participan na xestión de fondos europeos

A Xunta reforza a formación dos empregados públicos que participan na xestión de fondos europeos

  • A directora da EGAP inaugurou hoxe o curso monográfico Fondos Europeos NextGenerationEU
  • Durante o primeiro semestre de 2021 a EGAP convocou máis de 500 prazas en formación específica relacionada con fondos europeos
  • Este curso monográfico é a primeira actividade presencial do Instituto de Economía Pública de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021.- A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou esta mañá en Santiago o curso monográfico Fondos Europeos NextGenerationEU co que se reforza a formación dos empregados públicos que participan na xestión de fondos europeos.

Na inauguración tamén participou o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos; e o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó.

Esta actividade, á que asistiron máis de 100 empregadas e empregados públicos con competencias na materia, ten como obxectivo explicar o contexto dos novos fondos europeos NextGenerationEU e a súa incidencia na Administración da Xunta de Galicia nos vindeiros anos.

Durante a súa intervención, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que a formación dos empregados públicos neste eido resultará fundamental para favorecer que os proxectos impulsados desde a Administración galega aumenten as súas posibilidades de acceso ás fontes de financiamento europeo.

Por iso, explicou que unha das liñas estratéxicas da EGAP en 2021 é o reforzo das actividades relacionadas coa xestión de fondos europeos, o que deu lugar durante o primeiro semestre do ano á convocatoria de máis de 500 prazas en formación específica nesta materia.

Finalmente, a directora da Escola destacou que este curso monográfico é a primeira actividade presencial do Instituto de Economía Pública de Galicia, unha nova sección dentro da EGAP, de recente creación, que ten como obxectivo promover a formación avanzada, o coñecemento dos sistemas de xestión doutras administracións, o debate de ideas e a realización de estudos e informes nun eido tan esixente e cambiante coma o da economía pública.