Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 43.000 familias beneficiáronse en 2020 da suspensión para a presentación de impostos posta en marcha pola Xunta na pandemia

Máis de 43.000 familias beneficiáronse en 2020 da suspensión para a presentación de impostos posta en marcha pola Xunta na pandemia

  • A directora da Axencia Tributaria de Galicia, María Victoria González, presentou hoxe no Parlamento a Memoria de actividade deste organismo
  • Subliñou que o ano pasado máis de 100.000 galegos recibiron unha herdanza e non pagaron nin un euro polo Imposto de Sucesións e Doazóns
  • Neste 2021, a Atriga continúa avanzando para contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos aos cidadáns

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021.- A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), María Victoria González, destacou hoxe que un total de 43.125 familias se beneficiaron da suspensión para a presentación de impostos posta en marcha pola Xunta no ano 2020 por mor da covid-19.

O Goberno galego decidiu suspender entre o 14 de marzo e o 1 de novembro de 2020 os prazos para a presentación das autoliquidacións do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD); de Sucesións e Doazóns (ISD) e os tributos do xogo co fin de proporcionar á cidadanía facilidades para cumprir coas súas obrigas tributarias nun contexto marcado pola pandemia do coronavirus.

Na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para presentar a Memoria anual da Atriga correspondente ao exercicio 2020, María Victoria González subliñou que, 100.637 galegos recibiron unha herdanza o ano pasado e non pagaron nin un euro polo imposto de Sucesións e Doazóns grazas á rebaixa fiscal aprobada polo Goberno galego que deixa libre de tributación a máis do 99% dos contribuíntes cando reciben unha herdanza dun familiar directo.

Explicou tamén que 19.644 galegos beneficiáronse do programa ‘Impostos cero no rural', posto en marcha pola Xunta en 2016 co obxectivo de dinamizar o medio rural, promover a mobilidade de terras e fixar poboación nas zonas non urbanas. Ademais, outros 11.827 beneficiáronse das baixadas de tipos para as adquisicións de vivenda habitual con límite de patrimonio; a adquisición de vivendas por determinados colectivos (familias numerosas, persoas con discapacidade e mozos), e para a adquisición de vivendas situadas en parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas.

Segundo consta na Memoria, grazas ás baixadas aprobadas pola Xunta no Imposto de Sucesións e Doazóns e no ITP-AXD, os fogares galegos aforraron no ano 2020, 136 millóns de euros. Estes 136 millóns son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo.

María Victoria González tamén explicou que no ano 2020 o 96% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega foron correctas e non precisaron modificacións, polo que se confirma que a "meirande parte dos galegos e das galegas cumpre coas súas obrigas tributarias".

Reforzo da asistencia á cidadanía
Durante a súa intervención, a directora da Axencia Tributaria de Galicia sinalou que coa declaración do estado de alarma e o peche das oficinas, o seu organismo aumentou os números de información telefónica ao contribuínte, que pasaron de 15 a 61. "É dicir, multiplicamos por catro o reforzo telefónico para garantir que, a pesar de non poder prestar a asistencia presencial, o contribuínte tivese acceso de forma rápida e áxil á información ou asistencia que necesitase", apuntou.

Unha vez que foi posible retomar a atención presencial nas súas oficinas, fíxose a través do sistema de cita previa. Neste sentido, a Atriga desenvolveu na súa web unha aplicación de cita previa que se combinou coa posibilidade de solicitar a cita por vía telefónica co obxectivo de reforzar a atención ao cidadán. Entre maio e decembro, tramitáronse nas súas delegacións 54.008 citas presenciais.

Novidades 2021
Finalmente, a directora destacou que neste ano 2021 o seu organismo continúa avanzando coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos aos cidadáns e destacou algunhas das actuacións postas en marcha.
Neste marco explicou que desde o mes de maio deste ano, os servizos que se prestaban mediante o sistema de cita previa completáronse coa posibilidade de poder solicitar unha cita para obter de maneira telefónica información tributaria xeral ou para a asistencia na confección on line dos modelos. Entre maio e setembro, a Atriga atendeu máis de 3.000 citas.
Tamén a partir dese mesmo mes, unificouse a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria ao través do que se atenderon máis de 35.000 chamadas.
Ademais, a Atriga tamén universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Desde a súa implantación efectuáronse case 23.000 operacións.